INFRAESTRUTURAS

Trece empresas optan á construción da nova terminal de Lavacolla

06/07/2007 Na súa habitual rolda de prensa dos venres, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que AENA pechou o prazo de presentación de ofertas para a construción da nova terminal de viaxeiros de Lavacolla. Trece empresas, a maioría, unidades temporais de emprego, participan no concurso.

"A previsión é que AENA poida resolver o concurso e adxudicar as obras a finais de setembro ou principios de outubro, e que este mesmo ano comecen as obras", apuntou Sánchez Bugallo. As empresas construtoras máis importantes de España, algunhas delas galegas, toman parte no concurso.

Tamén en relación a esta cuestión, o alcalde anunciou que o martes 10 se reunirá, en compaña da concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, con dirixentes do Ministerio de Defensa. O tema a tratar serán os terreos de Bando e a marcha das negociacións para a súa compra polo Ministerio, ao obxecto de utilizalos para a construción da nova terminal.

Estación do AVE
Outra infraestrutura de comunicacións, neste caso a futura estación do AVE, será obxecto de negociación ese mesmo día, na xuntanza que manterán o alcalde e a concelleira en Madrid con responsables do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF).

Sánchez Bugallo indicou que na reunión se intentarán solucionar os "flecos" pendentes, que teñen que ver co aproveitamento que ADIF lle quere dar á superficie terciaria integrada na estación. Descartada polo Concello a posibilidade dunha gran superficie comercial, segundo o alcalde a solución podería vir da man do aproveitamento residencial.

En calquera caso, manifestou que con esta reunión se pechará o actual proceso negociador. De non lograr un acordo, tería que abrirse outra negociación á volta do verán. Chegar xa a un consenso permitiría que a construción da estación quedaría incluída no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pendente de aprobar definitivamente pola Xunta a finais do mes de xullo.

De non haber acordo, habería xa que facer unha modificación puntual do PXOM. "O mellor para os cidadáns é que se solucione xa esta cuestión, porque permitiría encargar os proxectos e acurtaríanse os tempos". Do outro xeito, o alcalde calcula un retraso dun ano en toda a tramitación. Neste sentido, apuntou que dende o Concello se segue a traballar coa perspectiva do 2010 para ter lista a estación, por ser a data prevista para que estea listo o tramo de vía Santiago-Ourense e Coruña-Vigo, aínda que dixo que "non é fácil" cumprir este prazo. A data prevista para que o AVE poida estar operativo é o 2012.

Urbanización do Sunp-5
Tamén en materia de urbanismo, o alcalde anunciou que no Consello de Administración de Emuvissa do luns 9 se abrirá a licitación das obras de urbanización do Sunp-5 da Muíña (San Lázaro), no que se levantarán máis de 400 vivendas. Ademais, para unha nova xuntanza a finais de xullo quedarán as obras de urbanización do Sunp-14 (Tras Paxonal), detrás do restaurante Paz Nogueira e a carón do vieiro Santiago de Cuba, onde se construirán case 400 vivendas.

Compartir: