EDUCACIÓN

Seguen a chegar os nenos e nenas saharauís que pasarán o verán con familias compostelás

06/07/2007 Un ano máis, chegan os nenos e nenas saharauís que serán acollidos por familias compostelás no marco do programa "Vacacións en paz". Este ano tratase de oito rapaces entre 6 e 14 anos, que proceden dos campamentos de refuxiados da zona de Tinduf, no suroeste de Alxeria.

Os rapaces están a chegar en varios voos. Os tres últimos en arribar foron dous nenos e unha nena, que foron recibidos en Raxoi pola concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez. Do Concello marcharon xa coas súas respectivas familias de acollida. Outros dous xa chegaron anteriormente e outros tres chegarán en breve.

Os nenos saharauís, algúns dos cales repiten estanza, permanecerán en Santiago durante os meses de xullo e agosto. Aloxaranse nas casas de familias compostelás e a Concellería de Educación organizará unha serie de actividades complementarias para facilitar o lecer e a integración dos nenos.

Grazas a estas vacacións, os nenos coñece outras formas de vida, contribuíndo á súa formación e a mellorar o entendemento entre pobos. Ademais, promóvense valores de solidariedade e cooperación entre os composteláns.

Compartir: