CONSORCIO

O Consorcio e a USC poñen en marcha o "Proxecto URBE"

05/07/2007 Co nome de "Proxecto URBE", o Consorcio de Santiago e a Universidade presentaron unha iniciativa que consiste na sistematización das fontes documentais compostelás para posteriormente facelas accesibles a través de Internet. Isto posibilitará o inventariado, catalogación e dixitalización destes materiais, de interese para a historia da cidade, e facilitará a súa consulta "on line" para investigación e divulgación.

O primeiros beneficiarios destes traballos son os dous grandes arquivos composteláns: o Universitario e o Catedralicio. Procederase a identificar os materiais documentais máis relevantes e significativos dende o punto de vista da historia global da cidade. Logo organizarase unha base de datos electrónica dos documentos individualizados e descritos.

Neste labor darase prioridade inicialmente aos fondos notariais, empezando polas catro notarías de número do Concello e do Cabildo e dos escribanos do Hospital Real, e posteriormente polos libros de acordos das dúas corporacións máis relevantes: o Concello e o Cabildo. Todos estes materiais atópanse no Arquivo Histórico Universitario e no Arquivo da Catedral e, en menor medida, no Arquivo Histórico Diocesano.

En definitiva, trátase de poñer a disposición do Concello, do Museo das Peregrinacións, do futuro Museo da Cidade, dos cidadáns, dos viaxeiros e dos peregrinos, así como de toda a comunidade científica en xeral, unha importante ferramenta para facilitar as buscas de información sobre a historia global da cidade e da súa proxección internacional ao longo dos tempos.

Equipo de traballo
No campo documental, a primeira iniciativa importante neste sentido foi a emprendida polo Arquivo de Indias. A dixitalización é unha garantía de preservación no caso de accidente, xa que evita o deterioro dos orixinais causado polo manexo frecuente en salas de consulta e multiplica as posibilidades de difusión. Nos últimos anos impúxose a conveniencia de dixitalizar o material documental e, en maior ou menor medida, boa parte dos arquivos e bibliotecas teñen iniciado algún tipo de programa desta natureza.

O equipo de traballo para o desenvolvemento do Proxecto URBE, que figura no orzamento do Consorcio para 2007 dentro do departamento de Estudos Históricos, estará formado por un grupo de documentalistas e arquiveiros dirixidos polo profesor Fernando López Alsina e coordinados por Juan Conde Roa.

Compartir: