CULTURA

Compostela celebrará tamén o Día do Orgullo LGBT

05/07/2007 O sábado 7 de xullo, Compostela acollerá os actos de celebración do Día do Orgullo LGBT. Baixo o lema "Vive e deixa vivir", as prazas e rúas da cidade acollerán diversas convocatorias que pretenden ser lúdicas e reivindicativas ao mesmo tempo.

O xerente do Auditorio de Galicia, Pablo Rodríguez, Alfredo Saborido, representante da Federación Aturuxo, presentaron o calendario de actividades, que comezará ás 14:00 horas cun picnic na carballeira de Santa Susana. Xa pola tarde, ás 20:00, manifestación unitaria convocada por Aturuxo.

A praza da Quintana acollerá a partir das 22:00 horas unha festa concerto, presentada por Lucía Aldao. Actuarán The Homens, Projecto Mourente, Tridances e Nacys Rubias.

Estes actos únense a outros xa celebrados ao longo do ano, como o Ciclo de Cinema Gai, Lésbico, Bisexual e Transexual, realizado entre o 16 e o 20 de maio, ou o I Certame de Fotografía LGBT Aturuxo, gañado por Natalia Devasa coa fotografía "A familia bem, ghrasias". As mellores fotos deste certame integran unha exposición no Centro de Documentación e Información Xuvenil, na Praza do Matadoiro, aberta ata o 28 de xullo.

Compartir: