PROMOCIÓN ECONÓMICA

Compostela Activa conta xa co seu microespazo web

04/07/2007 O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, presentou o microespazo de Compostela Activa, que se pode consultar na páxina web da Concellaría: www.maiscompostela.org. Un dos obxectivos do programa é fomentar a cultura emprendedora en Santiago, cubrindo dun xeito integral as diferentes etapas polas que pasa unha persoa emprendedora dende que ten a súa idea de negocio ata que constitúe a empresa. Todas esas etapas están plasmadas no microsite.

A primeira etapa, a idea de crear un negocio, está cuberta a través da información e orientación sobre constitución de empresas que presta o Servizo de Apoio ao Emprendemento, eixo vertebrador de Compostela Activa. No ano 2006 atendeu a máis de 200 persoas. Está dirixido a todas aquelas persoas interesadas en crear unha empresa en Santiago. O persoal do servizo realiza entrevistas en profundidade aos emprendedores para axudalas a definir mellor os seus proxectos, plasmando a idea inicial de negocio nun plan de empresa. Tamén os informa sobre as oportunidades e os recursos que poden atopar en Santiago.

Ademais, o programa Compostela Activa inclúe un deseño de actividades formativas para mellora as capacidades das persoas que queren desenvolver un proxecto empresarial e das que acaban de constituír unha empresa. A Concellaría de Promoción Económica oferta un listado de nove cursos, programados tendo en conta a oferta formativa doutras organizacións vinculadas ao mundo laboral, que en breve se colgarán no microsite de Compostela Activa a modo de enquisa. Son Xestión de persoal, Xestión Tributaria, Contabilidade por módulos, Axudas públicas, Presentación de ofertas empresariais, Marketing e PEMES, Realización de presentacións en público, Habilidades para a venda e Atención ao cliente. Ata o 10 de agosto as persoas interesadas poden, cubrindo esta enquisa, seleccionar as materias que máis lle interesen e amosar as súas preferencias horarias. Impartiranse as que teñan máis demanda. Todas as persoas que participen neste proceso serán avisadas da apertura do plazo para inscribirse nos cursos e da programación e horarios definitivos.

II Xornada Emprende en Compostela
As persoas interesadas en desenvolver un proxecto empresarial e as que están dando os seus primeiros pasos á fronte dunha empresa poden asistir, de xeito gratuito, a II Xornada Emprende en Compostela, que se celebrará o 23 de outubro no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago. Na primeira destas xornadas, celebrada o 12 de decembro de 2006, inscribíronse 389 persoas, e nela colaboraron 15 organizacións públicas e privadas. As persoas que asistan a II Xornada Emprende en Compostela poderán participar en talleres relacionados co emprendemento e coñecer de primeira man a experiencia de emprendedores de éxito.

Concurso de novas ideas e incentivos
Co obxectivo de estimular e apoiar ás persoas que teñen unha idea de negocio, a Concellaría de Promoción Económica convoca o Concurso de Novas Ideas Empresariais. Conta cun orzamento de 36.000 euros e divídese en tres modalidades: Novas Ideas empresariais edición xeral, Novas Ideas empresariais promovidas por mulleres, e Novas Ideas Empresariais promovidas por titulados en Formación Profesional. En cada unha delas establécense tres premios: o primeiro de 5.000 euros, o segundo de 4.000 e o terceiro de 3.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 14 de xullo. As bases do concurso pódense atopar na páxina web da Concellaría e no microespazo de Compostela Activa.

Para as persoas que acaban de montar un negocio, a Concellaría destina 40.000 euros a Incentivos para a creación de novas empresas en Santiago. O seu obxectivo é axudar economicamente aos novos proxectos empresariais a consolidar os seus negocios, subvencionando con 2.000 euros os gastos considerados como correntes e/ou de primeiro estabelecemento realizados entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto de 2007.O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de agosto.

Ao microespazo de Compostela Activa súmase unha campaña de comunicación en medios. Os anuncios programados en prensa para este mes de xullo completaranse cunha campaña en outubro e setembro centrada na II Xornada Emprende en Compostela.

Compartir: