PROMOCIÓN ECONÓMICA

Xosé Manuel Iglesias entrevístase cos responsables da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre

03/07/2007 O Concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, entrevistouse co Presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, Jesús Chenel, e con membros da directiva e persoal técnico da entidade. Entre os temas tratados figuraban o Estudo Técnico para a adaptación do Plan Parcial Urbanístico do Polígono Industrial do Tambre ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal", o Mapa Industrial e o Estudo de Perfís Formativos.

Durante o encontro tivo lugar unha primeira toma de contacto entre o arquitecto Jesús Conde García, adxudicatario da asistencia técnica para a redacción do Estudo Técnico para a adaptación do Plan parcial urbanístico do Polígono do Tambre ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal e a directiva da asociación de empresarios. O traballo, que conta cun orzamento de 17.980 euros, permitirá adaptar as condicións de uso e de seguridade das empresas á normativa actual para que as empresas afectadas poidan regularizar a súa situación.

A metodoloxía de traballo de este estudo establece dúas fases diferenciadas: unha de información urbanística e diagnóstico previo, na que se recollerá toda a información sobre o estado actual do Polígono en materia urbanística e administrativa; e unha segunda fase de propostas na que se avaliarán as posibles fórmulas para adaptar as actividades implantadas á nova situación.

No encontro tamén se fixo un balance dos traballos realizados ata o momento para o Estudo sobre o sector industrial, os procesos de produción e o uso das TICs por parte das empresas do Polígono do Tambre: Elaboración dun Mapa Industrial, adxudicado a Gabinete de Estudios Expertas S L por 26.000 euros, e para o Estudo sobre as necesidades formativas específicas por parte das empresas do Polígono do Tambre: Elaboración dun Mapa de perfís profesionais e dun Plan de Formación Adaptado para persoal do sector Industrial, adxudicado á Fundación para la Formación Técnica en Máquina Herramienta por 29.900 euros. Ata o memento realizáronse 208 entrevistas persoais a xerentes e cargos directivos de empresas do sector industrial relacionadas con ambolos dous estudos.

O Mapa Industrial permitirá contar cunha diagnose das necesidades e carencias do noso tecido produtivo e coñecer os procesos de produción e o uso das tecnoloxías da información nas empresas ubicadas en Santiago. Tamén permitira identificar as empresas de servizos que nutren as industrias en algunha fase do proceso produtivo e identificar novas oportunidades de inversión no sector secundario. Os resultados do Estudo de Perfís Profesionais permitirán a Concellaría de Promoción Económica adaptar a política formativa á realidade do sector empresarial e comercial de Compostela, debuxando un plan de formación que contemple as necesidades do noso tecido produtivo.

Os tres estudos están contemplados nun convenio asinado entre a Concellaría de Promoción Económica e a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, que depende da Consellería de Industria.

Compartir: