ALCALDÍA

O Concello de Santiago colabora con Don Bosco na realización de programas educativos de tempo libre

03/07/2007 O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o xerente da Escola de tempo libre e animación sociocultural Don Bosco, Francisco Rodríguez Míguez, asinaron un convenio para o desenvolvemento de proxectos de intervención educativa de carácter social e de integración no tempo libre. O Concello achega a cantidade de 2.500 euros.

O obxectivo do acordo é ofertar distintos proxectos lúdico-educativos de tempo libre e períodos vacacionais, ademais de promover a integración de rapaces e rapazas en situación de risco e de fomentar hábitos saudables.

Para o cumprimento destas metas prográmanse actividades das que se benefician arredor de mil persoas. Entre elas destacan algunhas coma os Proxectos Seráns en Papaventos, durante o curso escolar; o Bosco Nadal; ou o Proxecto Mañás no Bosco, dirixido a rapaces de 4 a 14 anos nas mañás de xullo e que serve de apoio aos pais que traballan durante este mes.

No ámbito do acordo tamén entran o Campamento Urbano da primeira quincena de agosto, a acampada de cativos, o programa de animación á lectura "Eu leo, e ti?", os torneos deportivos, un festival e as celebracións do Entroido, do magosto ou das cacharleas de San Xoán.

Don Bosco tamén realiza unha serie de actividades formativas: curso de monitores de actividades de tempo libre, curso de directores de actividades de tempo libre, curso sobre ludotecas, curso de tempo libre e persoas con discapacidade intelectual, educación en valores e interculturalidade, coeducación e educación sexual, voluntariado en acción e creación de monicreques.

O centro Don Bosco tamén conta cun servizo de asesoramento e información ao voluntariado "A punto", que funciona en horario de mañá e tarde e que está dirixido a asociacións de voluntariado que pretenden satisfacer as necesidades en materia de información, formación, documentación e/ou elaboración de proxectos.

Compartir: