DEPORTES

A Praza do Obradoiro acolleu a inauguración da Compostela Cup do Camiño

27/06/2007 O acto inaugural da fase final da Compostela Cup do Camiño contou como escenario co privilexiado marco da Praza do Obradoiro. Deporte e cultura uníronse así a través deste acto, que contou coa presenza do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e do concelleiro de Deportes, Andrés Fariña.

Na Compostela Cup do Camiño participan rapaces e rapazas de ata 18 anos, que comparten xogos nas modalidades deportivas de fútbol sala, baloncesto, fútbol e balonmán. De xeito paralelo, desenvólvense outras actividades complementarias, abertas á participación de todos os que queiran achegarse a elas, como as exhibicións doutras disciplinas como a esgrima, o tenis de mesa, a loita e o xadrez, ou os clinics de voces expertas no deporte base.

A Asociación Cantigas e Agarimos abriu o acto coa actuación de tres dos grupos da súa Escola. A continuación, exhibición de loita, coa presenza dos campións de España de loita libre olímpica na categoría de 120 quilogramos, José Cuba, e en 96 quilogramos, Nicolás Castro, así como os da categoría cadete José Luís Puentes e Eliseo Permuy. Tamén participou o subcampión de España de loita grecorromana na categoría de 84 kg, Ramón García.

Na Praza do Obradoiro tamén se desenvolveu unha exhibición de esgrima, o único deporte olímpico de orixe española. Una exhibición de esgrima antiga dos membros da Asociación Compostela Esgrima Xosé Piñeiro e Alberto Míguez, na que deron a coñecer o uso das espadas medievais de man e media, as espadas roupeiras do século XVII ou a loita a dúas mans con espada e daga, típica dos duelos popularizados polo capitán Alatriste nos séculos XVI e XVII.

En representación dos camiños que conflúen en Santiago participaron no acto grupos integrados por nenos pertencentes a distintos equipos da cidade e de distintas disciplinas deportivas. O atleta compostelán Pedro Nimo foi o encargado do facho e de acender o piveteiro co que quedou inaugurada a Compostela Cup do Camiño 2007.

Moncho Fernández e Carlos maceiras nun clínic de baloncesto

O adestrador compostelán, Moncho Fernández, actual técnico do equipo de Los Barrios da liga LEB, e o profesor de educación física en Primaria e especialista na ensinanza de categorías inferiores Carlos Maceiras, estarán o xoves 28 no clinic de baloncesto que se desenvolverá no Pavillón Municipal de Santa Isabel ás 19:00 horas. Esta actividade complementaria á Compostela Cup do Camiño 2007 é de participación aberta.

Compartir: