PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Proxecto Equal Compostela Social impulsa a constitución de 46 proxectos empresariais

26/06/2007 O Proxecto Equal Compostela Social, deseñado pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego impulsou dende a seu nacemento, en novembro do 2005, a creación de 46 empresas na Mancomunidade de Compostela. Destas, 32 (o 69,6%) foron constituídas por mulleres. O obxectivo é crear 50 empresas a través de Equal.

O último proxecto en darse de alta é a firma Xoldra, promovida por Alicia Devesa Vidal e dedicado á organización de eventos. Outra das novidades é a ampliación do horario de consulta de El Gabinete de Asesoramiento y Orientación Psicológica, co obxectivo de prestar un mellor servizo aos seus clientes. Abre ininterrompidamente de nove da mañá a nove de noite de luns a venres, e os sábados de dez da mañá a seis da tarde.

Equal Compostela Social é un programa de fomento da cultura emprendedora dirixido a persoas desempregadas que pertencen a colectivos de difícil inserción: mulleres, mozos menores de 30 anos, desempregados de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados, etc. Finánciase, na súa maior parte, concretamente o 75%, con fondos europeos.

Conta con socios transnacionais en Italia, Grecia e Polonia que, con Equal Compostela Social, forman a agrupación Sectores Innovadores e Economía Social A finalidade común desta unión é promover estratexias que manteñan o crecemento do emprego de persoas desfavorecidas mediante novos paquetes de formación, apoio a empresas recentemente creadas, investigación de novos instrumentos económicos e procesos compartidos de información ou investigación e de planificación territorial.

Con este obxectivo, cinco técnicos de Equal Compostela Social visitarán os días 4, 5 e 6 de xullo aos seus socios gregos. Coñeceran as actuacións mais relevantes que se están a poñer en practica en Grecia para o fomento da cultura emprendedora, sobre todo aquelas que poidan ser transferibles ao noso contorno e realidade socio económica. No marco desta programación transnacional, os días 29, 30 e 31 de maio seis técnicos de Equal Compostela Social realizaron unha visita de estudio á cidade italiana de Brescia. As actuacións que se mostraron centráronse, sobre todo, na responsabilidade social corporativa dentro da empresa e na formación e capacitación profesional de colectivos con dificultades de inserción.

Compartir: