ALCALDÍA

O Concello reafirma a súa colaboración con AGADEA

26/06/2007 A presidenta da Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos de Alzheimer (AGADEA), Isabel Gey, visitou Raxoi, onde se reuniu co alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e coa concelleira de Benestar Social, Mar Martín.

Sánchez Bugallo reiteroulle a Isabel Gey a intención do Concello de seguir colaborando con esta asociación, que xa se vén materializando nos últimos anos en forma de convenio. O último, asinado en outubro de 2006, tiña por obxecto axudar a sufragar os custos dun servizo de transporte adaptado, necesario para por en marcha uns talleres de estimulación cognitiva e psicomotriz para enfermos de Alzheimer e outras demencias dexenerativas.

AGADEA desenvolve diversas actividades de promoción social e desenvolvemento comunitario para as persoas con enfermidade de Alzheimer ou calquera outro tipo de demencia dexenerativa cun obxectivo terapéutico. O seu obxectivo é que os seus asistentes manteñan as súas capacidades o máximo tempo, e coa maior calidade de vida posible.

Compartir: