PROMOCIÓN ECONÓMICA

Nova selección de alumnos para cursos do Plan FIP

22/06/2007 A Concellaría de Promoción Económica e Emprego levará a cabo, os días 25, 26, 27, 28 e 29 de xuño, un novo proceso de selección de alumnos para cubrir as últimas vacantes nos cursos de cantería, carpintería, xardinería, fontanería e instalador de sistemas de enerxía solar térmica.

Programados pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego no marco do Plan FIP (Formación e Inserción Profesional), son gratuítos e impártense no Centro de Formación Ocupacional Sanxuás de Aríns. Todos eles contemplan un apartado específico de prácticas. Estas actividades formativas, destinadas a persoas desempregadas, foron seleccionadas atendendo á alta demanda laboral que existe en cada un destes campos, polo que son unha boa oportunidade para acceder ao mercado de traballo.

De feito, os alumnos seleccionados poden acollerse aos Itinerarios Persoalizados de Inserción Laboral postos en marcha polo departamento de Promoción Económica e Emprego, a través dos que recibirán a orientación e a axuda precisa de persoal especializado sobre cómo acceder ao mercado de traballo. Está previsto que a partir de agosto se incorpore un titor de inserción laboral que realizará labores de intermediación laboral coas empresas. Ademais, os alumnos poderán desfrutar dunha serie de servizos complementarios, como acceso a internet con toda a información que precisen sobre ofertas laborais e un fondo bibliográfico e de consulta relacionado coas actividades formativas impartidas.

As/os interesadas/ en acceder aos cursos poden informarse e inscribirse nas instalacións da Concellaría de Promoción Económica e Emprego ubicadas na porta 9 do Multiusos de San Lázaro, na Avda. Fernando Casa Novoa, número 20. O horario de atención é de nove da mañá a dúas da tarde. Tamén poden solicitar información a través do teléfono 981 542 493.

Compartir: