FESTAS

A noite de San Xoán arderán en Compostela 223 fogueiras

22/06/2007 Santiago vivirá un ano máis o San Xoán con abondosas fogueiras e sardiñadas. Este ano 2007, autorizáronse 223 cacharelas, 65 máis que en 2006. Destas fogueiras, 125 arderán na cidade, incluído o Casco Histórico, mentres 98 farano no rural, onde o incremento foi máis significativo.

Non faltarán as cacharelas máis tradicionais, como as do Casco Histórico: San Pedro, Belvís, Algalia de Abaixo, Pescadería Vella, Praza do Matadoiro, Pelamios, Bonaval e Carballeira de San Lourenzo. Entre as do resto da cidade, destacan algunhas como as de Conxo, Vista Alegre, Castiñeiriño ou Vidán. No rural, serán especialmente concorridas as de Lavacolla, Berdía, Roxos, Enfesta ou Amio, entre outras.

Tamén están preparadas diversas sardiñadas, a engadir ás que xa se celebraron por adiantado. Só no Casco Histórico solicitouse autorización para 13 sardiñadas. Todos os veciños están chamados a reunirse en torno ao lume e a gozar da gastronomía e das festas preparadas para a ocasión.

Dende a mañá, Bombeiros e Policía Local encargaranse de vixiar que se cumpran as normas de seguridade e limpeza, con especial atención á zona histórica.

Compartir: