PERSOAL

Definida a estrutura da Administración municipal

22/06/2007 A Xunta de Goberno e o Pleno extraordinario que se celebrarán o luns 25 deixarán definitivamente definida e operativa a organización da Administración municipal. Así, aprobaranse cuestións como a representación nos diversos consellos de administración ou a asignación de persoal para os distintos grupos municipais.

No Pleno extraordinario crearanse e acordarase a composición das distintas comisións, organismos supramunicipais, organismos autónomos, empresas públicas, sociedades mixtas e consellos sectoriais. Segundo indicou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, o reparto de integrantes realizarase con criterios de proporcionalidade. Así, o PP terá 22 presenzas nas comisións informativas, polas 20 do PSOE e as 8 do BNG. Dúas terán unha composición de 6-5-2 e outras dúas de 5-5-2. En canto aos consellos de administración, o reparto será 2-2-1.

Unha vez feitas estas designación, segundo Sánchez Bugallo, "o obxectivo é que ao longo da semana se constitúan as comisións e os consellos, de xeito que o día 30 de xuño poida estar completado todo o organigrama municipal".

Tamén no Pleno do luns 25 procederase á fixación do número, retribucións e características do persoal eventual. A intención é que, se nomee seis traballadores por libre designación (a engadir aos dous xa existentes) para que finalmente se fagan coa dirección, dende o punto de vista administrativo, de cada unha das oito áreas de goberno. Este persoal, que en principio terá a condición de asesor, será designado pola Xunta de Goberno. En materia de persoal de confianza, destaca a asignación dun xefe de gabinete á Tenencia de Alcaldía.

Respecto á formación dos grupos municipais, todos os concelleiros do Goberno terán dedicación exclusiva, mentres que o PP contará con tres dedicacións exclusivas. Para o seu funcionamento, asignaranse 39.600 euros ao PP, 36.000 ao PSOE e 14.400 ao BNG.

Compartir: