EDUCACIÓN

O Concello de Santiago renova a colaboración co instituto Rosalía de Castro para o desenvolvemento do Bacharelato Internacional

22/06/2007 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo e o director do Instituto de Educación Secundaria Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda Soto, asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Bacharelato Internacional. Esta colaboración enmárcase na política educativa do Concello para potenciar todas as iniciativas que permitan mellorar as ofertas educativas, especialmente dirixidas aos composteláns máis novos.

Dende o curso 1989-90 o IES Rosalía de Castro participa nos programas creados pola Organización Bacharelato Internacional (OBI), cos que se busca dar aos estudantes unha educación máis completa que lles facilitará a súa mobilidade xeográfica-cultural e o entendemento internacional a través da participación nunha experiencia académica. "O Rosalía de Castro é o único centro público de Galicia que ofrece este bacharelato internacional", recordou Ubaldo Roda ao respecto.

Un total de 60 alumnos disfruta desta oferta educativa, nos cursos de primeiro e segundo. Para a súa matrícula, o Concello achega 13.042 euros, que se unen a outro tipo de colaboracións municipais co centro, como a deportiva. A todas estas vertentes se referiu o alcalde no acto de sinatura, resaltando "a especial relación do Concello co instituto Rosalía de Castro", do que dixo sentirse "moi orgulloso polos seus éxitos".

O Bacharelato Internacional é unha fundación educativa privada non gobernamental, sen ánimo de lucro e recoñecida polo Consello de Europa que conta co respaldo da UNESCO e doutras institucións europeas. Participan neste programa aproximadamente 1.000 colexios e institucións de máis de cen países.

O currículum impartido no Bacharelato prepara aos estudantes para a obtención do Diploma e do Bacharelato LOXSE, nunhas condicións moi vantaxosas que permiten aos seus graduados cumprir con requisitos de varios sistemas educativos nacionais. O seu plan de estudos non se centra no modelo de ningún país, senón que incorpora os mellores elementos de cada un deles.

No acto de sinatura do acordo tamén estivo a nova concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez.

Compartir: