DEPORTES

A esgrima, a loita, o xadrez e o tenis de mesa, protagonistas na Compostela Cup 2007

21/06/2007 A Compostela Cup 2007 "Camiño de Santiago" non só vive da competición. Ademais das distintas fases que se disputan de fútbol, fútbol sala, baloncesto e balonmán, realizaranse distintas actividades complementarias. Deportes como o xadrez, a esgrima, o tenis de mesa e a loita terán o seu lugar no evento.

O luns 25 de xuño comezarán as diversas actividades complementarias que se desenvolverán durante a Compostela Cup 2007. A esgrima, o xadrez, o tenis de mesa e a loita serán entonces protagonistas durante dúas semanas. A maioría das exhibicións terán lugar en Área Central, aínda que as charlas sobre fútbol serán en
San Lázaro, as de baloncesto en Santa Isabel e as de balonmán no Pavillón do Restollal.

As actividades de loita celebraranse os días 26 e 28 de xuño en Áreal Central. Segundo o responsable desta actividade para a Compostela Cup, Pablo Pintos, intentarán atraer a atención dos espectadores de dúas maneiras: "a través das exhibicións, onde estarán grandes campións españois, como José Cuba ou José Luis Pontes; e grazas a unhas clases prácticas, de 25 minutos aproximadamente, onde lles ensinaremos uns xogos de colaboración e oposición, onde aprenderán a agarrar, a derrubar, todo dun modo moi seguro".

Con respecto ao tenis de mesa, Pablo Lois, encargado desta modalidade, explica que é o que quere conseguir: "Trátase de divulgar o tenis de mesa. Nós imos ter o noso adestrador, Alexis Álvarez Capote, dende o luns 25 de xuño ao 30, en sesións de mañá e tarde en Área Central, para que dea clases aos pequenos que se acheguen por alí. Ademais, haberá exhibicións dos nosos xogadores do equipo de Segunda División Nacional. A nosa intención é captar adeptos a este deporte para que se apunten á nosa escola de verán, ademais de divulgar este deporte".

No caso do xadrez, todos os que se acheguen por Área Central aprenderán a xogar a este deporte. Ademais, realizaranse campionatos cada día divididos por
idades. O domingo 1 de xullo será unha xornada aberta na que calquera poderá participar nun pequeno torneo.

Por último, a esgrima será o cuarto deporte alternativo que se poderá practicar dentro da Compostela Cup. Só haberá unha xornada dedicada á esgrima, o luns 25, a partir das 19:00 horas. A sesión estará dirixida por José Piñeiro e terá lugar en Área Central.

Compartir: