CULTURA

Sons da Diversidade sae á rúa un ano máis e converte o Campus Sur nunha festa multicultural

20/06/2007 O ciclo Sons da Diversidade pecha a programación do primeiro semestre cunha nova edición de Sons na Rúa, unha festa ao aire o xoves 21 de xuño, ás 21:00 horas, no Campus Sur.

Despois do éxito de 2006 na primeira cita de Sons na Rúa, o ciclo Sons da Diversidade sae de novo do Auditorio de Galicia para converter o Campus Sur nunha festa multicultural. Este ano, Sons na Rúa celebrarase coincidindo co Día Europeo da Música. Trátase dunha festa para despedir a primeira parte do ciclo Sons da Diversidade, que marca o comezo de período estival á espera da segunda entrega, que chegará despois do verán.

Sons na Rúa é un punto de encontro de propostas musicais de diferentes procedencias e estilos. Tamén é un punto de confluencia para públicos diversos, interesados na música que racha fronteiras xeográficas e que promove a creación dun bo ambiente. Un público cun perfil que responde á fusión musical proposta e que converte un espazo ao aire libre nunha festa.

Concíbese o espazo do Campus Sur como unha paisaxe sonora e visual, porque o eixo deste espectáculo é a cultura tribal do século XXI, relacionada co baile e co contacto coa natureza, pero tamén usando aparellos e novas tecnoloxías.

Sons na Rúa este ano aposta por diferentes grupos internacionais, djs e vjs de distintos estilos: funk, rock, world music, jazz, electrónica e outros. Trátase, en definitiva, dunha aposta anovadora e rupturista que incorpora na súa posta en escena soportes tecnolóxicos como pantallas, iluminación espectacular, laser, mecanismos interactivos, etc.

Entre os artistas que estarán no Campus Sur destacan Blasted Mecanism (Portugal), que presenarán o seu novo espectáculo "Sound in light". Participaron no Festival Alive de Lisboa, onde coincidiron no escenario con Pearl Jam e Linkin Park. Tamén tocará en Compostela o grupo anglo-turco Oojami, que está en Galicia por primeira vez para presentar o seu peculiar directo, que conta cun derviche e cunha bailarina de ventre. Outra das propostas destacadas serán os galegos Black Bum, cos seus ritmos de samba, funk, jazz, reggae, hip-hop ou electrónica.

Documentos relacionados



Compartir: