PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Espazo Avanza achega as novas tecnoloxías a Compostela

20/06/2007 O aparcadoiro de autobuses de Salgueiriños acolle do 20 a o 24 de xuño a carpa do Espazo Avanza, un evento itinerante que está a percorrer as 17 Comunidades Autónomas para achegar a todos os cidadáns os últimos avances da tecnoloxía e da cultura dixitais. Haberá videoxogos, inchables e diversas actividades pensadas para o lecer tecnolóxico de todos. A iniciativa estrea en Compostela a súa particular campaña de verán.

Os que se acheguen ao Espazo Avanza poderán aprender, divertirse, asistir a obradoiros e experimentar en directo os últimos avances tecnolóxicos. O seu obxectivo é dinamizar e capacitar aos cidadáns nos usos e vantaxes das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC), no marco do Plan Avanza para o desenvolvemento da Sociedade da Información, posto en marcha polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

No recinto do Espazo Avanza os cidadáns poden atopar información básica para familias, mozos e empresas; portais da Administración para axudas e orientación profesional ou servizos públicos con acceso a través de Internet ou información sobre os préstamos tecnolóxicos para a adquisición de ordenadores e conexión de banda. Na parte posterior da carpa hai unha aula móbil para la realización de sesións formativas e informativas sobre aspectos clave da Sociedade da Información: seguridade informática, protección da infancia en Internet, ferramentas de xestión empresarial, usos da tecnoloxía nas aulas, etc.

Antes de visitar Santiago a carpa de Espazo Avanza estivo na localidade barcelonesa de Cornellá de Llobregat, na toledana de Talavera de la Reina e en Valencia, Murcia, Córdoba, Badajoz e Madrid. No seu percorrido por estas cidades recibiu 36.488 visitas.

A carpa de Espazo Avanza está dividida en varias zonas: fogar e cidadanía, empresa, E-Administración, Educación e Contexto dixital. Tamén hai unha aula de obradoiros e, en cada unha das visitas, prográmase unha serie de obradoiros tecnolóxicos en función da demanda dos diferentes grupos. Nestes talleres poden participar todos os cidadáns que o desexen, sempre que se estean desenvolvendo no momento en que acceden a esta aula.

Autobuses gratuítos

O acceso ao Espazo Avanza é libre e o seu horario será de 12:00 a 22:00 horas. As persoas interesadas en asistir dispoñen de autobuses gratuítos. Saen da Praza de Galicia cunha frecuencia dunha hora, entre as 11:30 e as 21:30 horas. Os autobuses de volta saen da explanada de Salgueiriños entre as 12:00 e as 22:00 horas, cada hora en punto. O sábado e o domingo os horarios serán os mesmos, pero auméntase a frecuencia de saídas. Haberá un autobús cada media hora dende a Praza de Galicia, e cada media hora dende Salgueiriños.

Os cidadáns que accedan á carpa recibirán un agasallo e poderán, dun xeito gratuíto, coñecer un fogar dixital, descubrir a educación do futuro e experimentar os últimos avances tecnolóxicos. Disfrutarán, ademais, de música dixital, xogos en rede, fotografía dixital, novas aplicacións e obradoiros tecnolóxicos. Tamén se admiten visitas de grupos. Só teñen que solicitar cita previa no teléfono 902.419.902 da Secretaría Técnica da Campaña, ou enviar un correo electrónico a info@espacioavanza.es, onde lles proporcionarán toda a información adicional que precisen.

A directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Xunta, Elena Veiguela Muñoz; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias; e o portavoz de red.es, Rafael Chavarri; coñeceron de primeira man as últimas innovacións tecnolóxicas durante durante o percorrido que realizaron polo Espazo Avanza.

Compartir: