CONSORCIO

O Consorcio e a Universidade poñen en marcha unha nova edición do programa "ConCiencia"

19/06/2007 O Consorcio da cidade de Santiago subvencionará á Universidade para a realización dunha nova edición do programa de divulgación científica "ConCiencia", cunha achega económica de 70.000 euros. Así se desprende do convenio asinado entre o presidente do Consorcio e alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o reitor da Universidade, Senén Barro Ameneiro.

A USC levará a cabo este programa entre outubro e novembro de 2007, a través dun ciclo de actividades a cargo de científicos de recoñecido prestixio. Neste sentido o profesor de Física da USC Jorge Mira, coordinador do programa, anunciou algunha sorpresa en canto ás personalidades convidadas. Reiterou que esta é unha iniciativa "novidosa e orixinal" e anunciou que, co obxectivo de achegala aínda máis ao público xeral, as actividades desta edición organizaranse en espazos designados polo Consorcio e en horario de tarde-noite.

O reitor da USC indicou que este programa vai na liña de conseguir que "Santiago sexa unha cidade do coñecemento". Entre as novidades para este edición anunciou a creación do "Premio Fonseca", de divulgación científica, que xe fallará ao longo de 2008. Senén Barro indicou que se están a elaborar as bases do galardón, que poderían estar listas á volta do verán. Terá como recompensa unha dotación económica e unha reprodución de Fonseca en bronce.

Finalmente, Sánchez Bugallo reiterou que este premio representa "a aposta fundamental da cidade polo seu carácter científico, polas novas tecnoloxías e polos recursos da USC. Neste sentido tamén se referiu a proxectos como o do Parque Tecnolóxico ou o do Centro Nacional de Investigación en Biomedicina.

O programa "ConCiencia" desenvolveuse con éxito en 2006 e trouxo á cidade aos máis destacados científicos do mundo en diversas disciplinas. Así, a presenza en Compostela das máis eminentes personalidades da Física, da Química e da Medicina favoreceu os vínculos existentes entre o cadro de investigadores da USC e as mesmas.

Compartir: