PROMOCIÓN ECONÓMICA

A Rede de Cooperación Empresarial desenvolve nove cursos dirixidos ás empresas Equal

15/06/2007 As 45 empresas de Equal Compostela Social, impulsado pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, poden beneficiarse dos cursos programados pola Rede de Cooperación Empresarial. Ata outubro impártense nove actividades formativas, sete relacionadas con informática e as outras dúas con comercio. Na última semana creáronse tres novas empresas no marco deste proxecto. 31 delas (68,9%) foron constituídas por mulleres. 32 empresas naceron en Santiago, oito en Ames, catro en Val do Dubra e unha en Brión.

O luns, 18 e o martes 19 de xuño impártese o seminario "Captación de clientes. Claves para deseñar estratexias rendibles de adquisición e prospección". Esta actividade formativa ten como obxectivo orientar ás empresas de Equal sobre cómo captar clientela e cómo realizar un proceso efectivo de venda. O curso celebrarase en horario de oito da tarde a dez da noite nas instalacións que a Concellaría de Promoción Económica ten na rúa Pérez Constanti, nº 4.

Está previsto que a mediados de xullo se leve a cabo en Santiago o seminario "Introdución en escaparatismo e deseño de interiores". Durante hora e media a docente que imparte o curso orientará aos empresarios de Compostela vinculados a Equal na montaxe de escaparates e no deseño de interiores. A continuación fixará unhas datas para explicar aos participantes, visitando empresa por empresa, cómo aplicar estes coñecementos no seu local comercial.

En relación aos cursos de informática, xa se celebrou o de "Introdución a openoffice". Ata o nove de xullo estase impartindo o de "Facturación". En xullo comenza "Folla de cálculo I" e en setembro os de "Contabilidade", "Marketing na rede", "Folla de cálculo II" e "Construción de páxinas web". Os distintos cursos foron escollidos polas empresas que integran a "Rede de Cooperación Empresarial" entre un listado facilitado por Equal Compostela Social.

A Rede de Cooperación Empresarial, promovida pola Agrupación de Desenvolvemento Compostela Social, ten como obxectivo fomentar o desenvolvemento de proxectos de cooperación empresarial que axuden ás iniciativas xurdidas ao abeiro de Equal a mellorar a súa competitividade e a manter unha posición sólida no mercado.

Compartir: