CULTURA

A lembranza da derradeira estadía de Valle-Inclán na cidade abre a colección "Cadernos de Compostela"

15/06/2007 "Valle-Inclán en Compostela. A derradeira estadía en Galiza", é o primeiro título da nova colección "Cadernos de Compostela", promovida pola Concellaría de Cultura. Estas publicacións nacen co obxectivo de promover os estudos locais, materia da que se encargará o Centro de Estudos Composteláns Ánxel Casal.

Tal como indicou o concelleiro de Cultura en funcións, Néstor Rego, a obra "ofrece información sobre o último ano que Ramón del Valle-Inclán pasou en Compostela e sobre a súa relación con Galicia e coa cidade". Así o recordou tamén o autor, Javier del Valle-Inclán Alsina, neto do escritor: "Quixemos aproveitar para informar sobre os derradeiros meses de Valle-Inclán en Compostela, dende ese 7 de marzo de 1935, data en que chegou para instalarse na clínica do doutor Manuel Villar Iglesias"

O autor lembrou que na súa última etapa en Santiago, Valle-Inclán fixo "vida de cidadán" e realizou diversas viaxes por Galicia. En particular quixo recordar "as relacións que tivo co mocerío galeguista e co Partido Galeguista".

Editado o de Valle-Inclán, a Concellaría está a traballar noutros "Cadernos de Compostela". Un deles estará dedicado a Roberto Vidal Bolaño.

Compartir: