ELECCIÓNS AUTONÓMICAS

O Concello participa na campaña Galicia2005.net

31/05/2005 Un banner enlazará o portal do Concello coa web de Galicia2005.net, onde os internautas poderán formular dúbidas e suxerencias aos candidatos que concorren polas catro provincias ás eleccións autonómicas.

O Concello de Santiago participará no proxecto Galicia2005.net, a plataforma on line posta en marcha por Europa Press, a Xunta e o Parlamento galego que permite aos electores galegos formular preguntas e suxestións aos candidatos do PPdeG, PSdeG e BNG que concorren ás eleccións autonómicas. Deste xeito, Manuel Fraga, Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana, xunto aos máis de 200 candidatos a deputados estarán abertos ás preguntas dos internautas ata o vindeiro 18 de xuño.

A participación do Concello compostelán nesta campaña, xunto a outros concellos galegos e as catro deputacións galegas, materialízase na colocación dun banner neste portal, que enlaza coa web www.galicia.candidato2005.net, onde, ademais das biografías, opinións e compromisos electorais, os navegantes poderán consultar as inquedanzas, valoracións e intencións de voto doutros internautas galegos con vistas ás vindeiras eleccións autonómicas do 19 de xuño.

Ademais, todos os concellos que participan nesta campaña –preto de 30- distribuirán máis de 10.000 "Guías de Iniciación á Democracia Electrónica", deseñadas para impulsar a participación virtual.

Compartir: