CENTROS SOCIOCULTURAIS

As xentes e a memoria histórica do barrio de San Pedro, protagonistas da IV Semana Cultural da Trisca

14/06/2007 A concelleira en funcións de Centros Socioculturais, Guadalupe Rodríguez, presentou a IV Semana Cultural da Trisca. Un ano máis a participación activa das xentes do barrio de San Pedro e o recordo do seu pasado serán protagonistas dunha semana chea de actividades para todos. Será do 15 ao 23 de xuño.

A inauguración oficial da Semana terá lugar o martes 19, nunha xornada na que se inaugurará unha exposición de fotografía sobre o barrio de San Pedro e outra de maquetas de apeiros tradicionais. Actuará o grupo de gaitas da asociación A Xuntanza e entregaranse os premios do campionato de tute.

Pero de feito, o programa comeza o venres 15 cun obradoiro de ciencia divertida. Ao longo da semana haberá outros talleres de grafitti e de faroliños. No eido lúdico, non faltarán as festas: unha de despedida para os rapaces que participaron na actividade de apoio ao estudo e outra infantil.

A música correrá a cargo de Xoan Curiel o xoves 21 e dunha actuación de corais ao día seguinte: Coral Coto da Nai, Coral Asociación Cultural Santa Susana e Coral A Xuntanza. Tampouco faltará o cine ao aire libre, neste caso coa proxección de dous documentais denominados "Viaje por Galicia". O primeiro amosa unha viaxe feita polas catro provincias galegas entre 1953 e 1958, mentres que o segundo, dunha temática semellante, de 1929, foi realizado co gallo da celebración da Exposición Iberoamérica de Sevilla.

Haberá unha saída a un balneario para o grupo de maiores que participan na actividade de ximnasia terapéutica, e outra para nenos e nenas destinada a recoller herbas de San Xoan. O programa de actividades complétase con xogos, contacontos, un vídeo-coloquio e un mercadiño de actividades para nenos a cargo das mestras de pedagoxía Waldorf da actividade de mañás creativas.

Compartir: