REFORMA ADMINISTRATIVA

A páxina web municipal estrea deseño e incorpora novos servizos

14/06/2007 A concelleira de Reforma Administrativa, Marta Álvarez-Santullano, presentou o novo deseño da páxina web municipal (www.santiagodecompostela.gal) e os novos servizos que incorpora. O portal incrementa a súa aposta pola información permanente e actualizada, pola tecnoloxía e polos servizos ao cidadán.

Na súa portada, a principal novidade é o maior peso que adquire na web a parte informativa e de servizos e trámites. En particular, engádese un apartado de descarga directa de impresos, ademais dos xa existentes de trámites ou servizos,.

Para facilitar os trámites do cidadán ante a Administración, mellorouse a Carpeta Cidadá, o sistema de pago en liña e a calculadora de tributos. Neste campo, o departamento de Informática está a traballar en novas utilidades. Así, en breve será posible realizar trámites a través dun certificado electrónico. De acordo coa progresiva implantación do DNI electrónico, o Concello está a traballar co Ministerio de Administraciones Públicas para por en marcha o sistema.

Máis facilidades para o cidadán

Tamén se están a preparar máis melloras a través da Carpeta Cidadá, a través da cal pronto se poderán facer pagos en calquera banco, e non só nos que actualmente permiten este servizo. Isto será posible grazas á colaboración con Red.es.

Outras dúas posibilidades en breve dispoñibles serán as de solicitar cita previa en calquera departamento do Concello e a de acceder ao estado dun expediente. No primeiro caso unicamente se está a agardar a que este lista a remodelada Oficina do Contribuínte e, no segundo, a que cada departamento determine o tipo de expediente que debe ser visualizado. Finalmente, incorporarase a posibilidade de acceder a información catastral e ao padrón municipal, así como de acceder ao estado das súas facturas electrónicas por parte de aqueles usuarios ou empresas que traballen co Concello.

Dentro da información de servizo ao cidadán tamén destaca a incorporación du servizo permanente de información sobre farmacias, do tempo e dun capítulo dedicado á mobilidade. En canto á canalización da propia participación veciñal, ademais da sección de Atención ao cidadán, aqueles que o desexen teñen a posibilidade de colgar os seus propios blogs en "Blogs composteláns".

Melloras tecnolóxicas e accesibilidade

A páxina incorpora melloras tecnolóxicas, como a posibilidade de acceder aos contidos da mesma a través de dispositivos como unha PDA, unha consola ou o teléfono móbil. Ademais, créase un enderezo específico (mobilscq.org) que permitirá, dende un teléfono móbil, visualizar boa parte dos contidos da web, como noticias, axenda, avisos, directorio de teléfonos de interese ou formulario de contacto.

Outra das melloras ten que ver coa súa maior accesibilidade, de xeito que a web pode ser consultada por persoas con dificultades visuais, ben a través de dispositivos de lectura en braille como de navegadores de voz.

Os cambios na páxina web municipal complétanse coa renovación de contidos nas súas diferentes seccións permanentes e coa reordenación dos mesmos.

Na presentación da nova páxina web, a concelleira de Reforma Administrativa, Marta Álvarez Santullano, estivo acompañada do responsable do departamento de Informática, Jesús Rodríguez Castro; e de Lois Rodríguez, da empresa Acordar.

Compartir: