PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Concurso de Novas Ideas Empresariais recibiu xa 21 solicitudes

13/06/2007 O Concurso de novas ideas empresariais "Compostela Activa 2007" recibiu xa 21 solicitudes, a un mes de que remate o prazo de inscripción, fixado para o 14 de xullo. O obxectivo do concurso, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica e Emprego, é estimular e apoiar a persoas que teñen unha idea de negocio, facilitándolles a posta en marcha do proxecto empresarial.

Este ano a convocatoria do Concurso de novas ideas empresariais "Compostela Activa 2007", que conta cun orzamento de 36.000 euros, establece tres modalidades diferentes, fronte as dúas do 2006. Á de Novas Ideas empresariais edición xeral presentáronse 11 solicitudes, á de Novas Ideas empresariais promovidas por mulleres nove e, á de novidade desta edición, Novas Ideas Empresariais promovidas por titulados en Formación Profesional presentouse unha solicitude. En cada unha das modalidades establécense tres premios en metálico: o primeiro de 5.000 euros, o segundo de 4.000 euros e o terceiro de 3.000 euros. No 2006 presentáronse ao concurso 17 proxectos empresariais e no 2005, 13.

A convocatoria sinala que unha idea é promovida por mulleres cando a maioría do capital social é aportado por mulleres, ou no caso de proxectos empresariais de economía social, o número de socias sexa superior. O caso de titulados de FP e semellante. Enténdese que unha idea é promovida por titulados en Formación Profesional cando aporten a maioría do capital social ou o número de socios sexa, maioritariamente, titulados en FP. Só se contabilizan os titulados a partir do 1 de xaneiro do 2006. No concurso poden participar as persoas físicas ou xurídicas que teñan un proxecto empresarial que no momento de presentar a solicitude non tivese iniciado a súa actividade. A documentación dirixirase á Oficina de Promoción Económica. As bases pódense consultar no BOP da provincia de A Coruña do 12 de marzo do 2007 ou na páxina web da Concellaría de Promoción Económica. www.maiscompostela.org.

A valoración dos proxectos será realizada por unha comisión de expertos en base aos seguintes criterios: que a persoa física ou membros da sociedade proveñan dunha situación de desemprego, que estean censados no Concello de Santiago, que a actividade empresarial a desenvolver se enmarque nos sectores de novas tecnoloxías da información e a comunicación, servizos medioambientais, servizos culturais e de lecer, servizos á comunidade, sectores emerxentes ou novos filóns de emprego. Tamén se valorará a utilización de recursos da zona, o emprego xerado, as mulleres contratadas, a contribución á inserción de colectivos en situación desfavorable para a integración sociolaboral ou en situación de risco ou exclusión social.

Compartir: