AUDITORIO

O violín de Zimmermann pecha a temporada 2006/2007 da Real Filharmonía de Galicia

13/06/2007 O xoves 14 de xuño, no Auditorio de Galicia, clausúrase a temporada 2006/2007, coa batuta de Ros Marbà e o violín de Frank Peter Zimmermann. Este virtuoso do violín converteuse en indiscutible cabeza visible da escola alemá, e nun dos violinistas máis recoñecidos do panorama musical.

Nado no seo dunha familia de ampla tradición musical, da que non é o único destacado intérprete, e criado nos sólidos fundamentos musicais centroeuropeos, del destacan os críticos a súa capacidade para mesturar a tradición europea coas últimas vangardas. Zimmermann toca un Stradivarius de 1711, que pertenceu a Fritz Kreisler, cedido polo Westdeutsche Landesbank, entidade bancaria de Alemaña.

Alta calidade técnica

Pola súa calidade técnica e o seu virtuosismo, Zimmermann colocouse no máis alto do repertorio musical de violín da actualidade. A través das súas xiras como solista deu a volta ao mundo en máis dunha ocasión. Dende 1998 acompáñao con regularidade o pianista italiano Enrico Pace, ou otros músicos como Heinrich Schiff e Christian Zacharias, cos que interpreta música de cámara.

Zimmermann gravou para EMI Classics os concertos de Berg, Beethoven, Brahms, Mozart ou Mendelssohn, entre otros. O seu CD das sonatas para violín de Eugène Ysaye foi recibido cunha inmellorable crítica.

Can-Can

No apartado musical destacan sons de abondo coñecidos, presentes na "Gaîté Parisienne", como o familiar "can-can", que triunfou nos máis famosos locais parisinos da primeira metade do século XX; así como a "barcarola", que pecha o ballet e que recorda aos "Contos de Hoffman"

Compartir: