CULTURA E EDUCACIÓN

Os Monicreques de Kukas invitan ao público a coñecer o seu proceso de creación

12/06/2007 Os concelleiros en funcións de Cultura, Néstor Rego, e de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, presentaron "Sen título 4x8x6. Técnica mista sobre escenario", unha nova entrega dos Monicreques de Kukas. Esta vez preparáronse varias funcións, para adultos e nenos, no Teatro Principal, entre o 13 e o 15 de xuño.

As funcións para os máis pequenos celebraranse, ás 10.00 horas, os días 14 e 15 de xuño. Segundo apuntou Elvira Cienfuegos, está xa confirmada a asistencia de máis de 600 rapaces de entre 8 e 14 anos. Para os maiores, as funcións serán ás 21:00 horas, os días 13, 14 e 15.

Maiores e pequenos poderán disfrutar duna representación que "invita á reflexión e quere achegar á xente ao proceso de creación en si mesmo", segundo indica Isabel Rey, de Monicreques de Kukas. O público atopará "unha historia plástica e imaxinativa, chea de sensacións e cunha lectura moi aberta".

Pola súa parte, Marcelino de Santiago recordou que se trata dunha obra para "todos os públicos", que ademais está chea de sorpresas. "Pintamos en directo e utilizamos técnicas modernas, como a paleta gráfica", apunta como exemplos.

Compartir: