PROMOCIÓN ECONÓMIMCA

O Proxecto Crear III péchase con 58 insercións laborais

11/06/2007 Un total de 58 persoas accedeu ao mercado laboral no último ano grazas ao Proxecto Crear III, desenvolvido pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego. Este programa favorece a inserción laboral de persoas con especiais dificultades de acceso ao mercado de traballo, como mulleres, mozos sen emprego anterior, desempregadas e desempregados de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados e mulleres e homes con algún tipo de discapacidade.

Dos 58 insertados laboralmente, 31 son mulleres e 27 homes. Os datos están recollidos na memoria do Proxecto Crear III, que se acaba de pechar. O programa, no que participaron 100 usuarios (61 mulleres e 39 homes), comezou o 1 de xuño do 2006 e rematou o 31 de maio do 2007. Os nove titores (sete mulleres e dous homes) que participaron no Proxecto Crear III xestionaron 345 ofertas de emprego. A maioría delas, 168, corresponden ao sector servizos. Ademais, durante o ano que durou o programa, visitáronse 88 empresas. O grupo maioritario foi o do sector servizos, con 36 visitas, seguido de transportes, con 12 e distribución e venda, con 10.

Os participantes recibiron información e asesoramento para acadar un emprego axeitado ás súas expectativas e capacidades a través da posta en marcha de Itinerarios Personalizados de Inserción. Trátase dun plan de emprego adaptado ás súas expectativas, capacidades, potencialidades, aptitudes, experiencia, formación e preferencias, que se concreta despois da primeira etapa, a de contacto inicial. A terceira etapa do programa foi a de achegamento á empresa, con prácticas ocupacionais para os usuarios que carecían de experiencia, sensibilización do tecido empresarial e colaboración con axentes sociais.

Tendo en conta os recursos destinados a emprego e a análise do mercado de traballo buscáronse ofertas axeitadas aos perfís dos demandantes. Os participantes contaron con talóns de desprazamento para que a asistencia aos cursos ou ás entrevistas de traballo non lles supuxera un custo, e un servizo de asesoramento e imaxe persoal. Tamén se puxo ao seu servizo unha aula de informática., que foi empregada por 98 usuarios. A cuarta e última fase do Proxecto Crear III é a de seguimento das persoas que non conseguiron insertarse laboralmente e das que están traballando pero buscan mellorar as súas expectativas de emprego.

Ademais, dende o Proxecto Crear III organizáronse 15 accións formativas abertas a todos os beneficiarios. Os contidos das mesmas estiveron relacionados con técnicas, instrumentos e habilidades na busca de emprego, idiomas, informática, limpeza e programación educativa.

Compartir: