TURISMO

Candela presenta un relatorio no Foro Internacional sobre Turismo en Túnez

11/06/2007 Santiago de Compostela estará representada polo seu concelleiro de Turismo en funcións no V Foro Internacional sobre Turismo para Parlamentarios e Autoridades Locais, que celebra a Organización Mundial do Turismo en Yasmine Hammamet (Túnez) entre o 13 e o 15 de xuño.

Francisco Candela asiste ao evento por invitación do Goberno de Túnez e da Organización Mundial do Turismo, ente internacional no que foi elixido por unanimidade vicepresidente do Consello de Destinos no mes de marzo.

O evento reunirá na Médina Mediterranea ás autoridades turísticas de máis de 100 países para debater sobre a eficacia das políticas turísticas na loita contra a pobreza e a súa colaboración co desenvolvemento sostible das sociedades.

Candela participará na sesión do xoves 14 de xuño cun relatorio titulado "O turismo nas cidades históricas e culturais de alta frecuentación", no que analiza o impacto desta actividade sobre o patrimonio e sobre as poboacións receptoras.

Entre os conferenciantes atópanse tamén o presidente do Tribunal de Contas e ex-presidente da Asamblea Nacional de Francia, Philippe Séguin; o subsecretario xeral da OMT, Geoffrey Lipman; o vicepresidente do Parlamento de Kenya, David Musilla, e o director de Turismo da Costa Azul, Dominique Charpentier.

Compartir: