BENESTAR SOCIAL

Adxudicada a explotación do Servizo de Axuda no Fogar

11/06/2007 O Goberno local adxudicou á empresa Clece a explotación do Servizo de Axuda no Fogar no Concello de Santiago para os vindeiros dous anos. O importe queda fixado en 12,58 euros/hora en días laborables e a 13,49 euros/hora en domingos e festivos.

O Servizo de Axuda no Fogar continúa a ser unha das máis cobizosas apostas do Concello en materia de benestar social, con 400.000 euros destinados ao mesmo en 2007. Nesta liña, procedeuse a ampliar o servizo a domingos e festivos. Na actualidade, 98 usuarios benefícianse desta prestación.

O programa do Servizo de Axuda no Fogar ofrece a prestación dunha serie de atencións aos cidadáns no seu propio domicilio naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desintegración familiar. Os seus principais destinatarios son menores, persoas enfermas física ou mentalmente, persoas con discapacidade, colectivos específicos, familias que presenten disfuncións e persoas maiores con algún tipo de dependencia.

Entre os principais obxectivos do programa están: facilitar a autonomía persoal do usuario, posibilitar a súa permanencia no seu medio habitual, previr e retrasar o seu ingreso en centros residencias, mellorar a súa calidade de vida e posibilitar a mellora de situacións familiares problemáticas ou de alto risco.

Compartir: