PLENO

Aprobadas por unanimidade tres declaracións institucionais polas vítimas da DINA, en adhesión ás reivindicacións do 25N e en condena do asasinato homófobo de Samuel Luíz

04/11/2024 O Pleno da Corporación Municipal aprobou esta mañá dúas declaracións institucionais na que todos os grupos municipais de forma conxunta se suman ás reinvindicacións contra a violencia machista con motivo do 25N e reteiran a súa condena ao asasinato homófobo de Samuel Luíz ocorrido en 2021 e o seu apoio á familia e amizades coincidindo coa celebración do xuízo. Tamén se aprobou de maneira unánime un texto en solidaridade coas vítimas e persoas afectadas pola DINA nas comunidades de Valencia, Andalucía e Castela-A Mancha, polas que tamén se gardou un minuto de silencio ao inicio da sesión plenaria.

Todos os grupos políticos da Corporación municipal de Santiago aprobaron esta mañá de xeito unánime unha declaración institucional na que expresan a súa consternación "polas consecuencias dramáticas do paso da DINA", que afectou especialmente as comunidades de Valencia, Castela-A Mancha e Andalucía.

"Santiago de Compostela e a súa veciñanza facemos noso o sufrimento das familias e de todas as persoas achegadas que perderon os seus seres queridos", recolle o texto, que tamén traslada a "solidariedade e empatía a todas as persoas que viron arrasados os seus fogares ou os seus medios de traballo e subsistencia, especialmente a todos os colectivos máis vulnerables e ás crianzas" e o desexo de "que poidan recompoñer canto antes as súas vidas".

25N

O Pleno municipal tamén aprobou de maneira unánime unha declaración institucional, coa que que se suma ás reivindicacións do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres que terá lugar o vindeiro 25 de novembro.

O texto acordado polos catro grupos fai un chamamento a "reflexionar sobre a orientación e a eficacia das políticas a prol da igualdade e contra a violencia machista, e deseñar novos camiños na definición das políticas públicas que teñen como obxectivo rematar coa discriminación, a desigualdade e a violencia contra as mulleres". En concreto, a declaración subliña a necesidade de "intensificar os traballos na prevención da violencia machista que ten no feminicidio a súa máxima expresión" e "concentrar esforzos na educación e na eliminación dos micromachismos".

O manifesto recorda que este ano houbo tres feminicidios en Galicia "que acrecentan o cómputo de mulleres asasinadas en Galicia desde o inicio das estatísticas no ano 2003 ata máis de 70", o que deixa "unha media de máis de tres mulleres asasinadas por violencia machista nos últimos 21 anos, e que suman 1282 vítimas no conxunto do Estado español desde o 1 de xaneiro de 2003".

Fronte esta realidade, faise un chamamento ás administracións públicas para que convirtan as políticas a prol da igualdade e contra a violencia de xénero nunha "prioridade de acción", e a que "todas as persoas asumamos un rol activo na concienciación e na actuación fronte á violencia machista, porque só posicionándonos con contundencia seremos capaces de erradicala".

A Corporación municipal comprométese a "dedicar os recursos necesarios a traballar a prol da igualdade e pola eliminación da violencia contra as mulleres" e enumera algunhas medidas concretas: destinar o 1% do orzamento municipal á prevención da violencia machista e á prestación de servizos de atención ás vítimas, impulsar a coordinación do traballo preventivo e de intervención fronte a violencia machista a través da Mesa local de coordinación interinstitucional, incorporar a perspectiva de xénero e a protección das vítimas de violencia machista a todos os niveis de acción do Concello, ou continuar a desenvolver campañas de información e sensibilización.

A declaración tamén reitera "o compromiso do Concello de Santiago co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero" no seu papel como "primeiro punto de acceso, apoio e asesoramento para as mulleres vítimas de violencia machista e as súas familias" e insta á Xunta de Galicia a " incrementar o orzamento destinado aos Centros de Información ás Mulleres para baixar as ratios e garantir o desenvolvemento de traballo preventivo e de intervención."

Condena ao asesinato homófobo de Samuel Luíz

Os grupos políticos da Corporación tamén aprobaron por unanimidade unha declaración institucional en resposta á condena ao asasinato de Samuel Luíz, ocorrido o 4 de xullo de 2021 na Coruña tras unha brutal agresión homófoba.

A declaración recorda que "este crime non é un feito illado" e que "os delitos de odio, e en particular os relacionados coa orientación sexual e a identidade de xénero, experimentaron un preocupante aumento nos últimos anos" e no caso de Galicia "duplicáronse nos últimos cinco anos".

O xuízo polo asasinato de Samuel Luiz representa un "momento clave non só para facer xustiza", senón tamén para "reafirmar o compromiso das administracións na loita contra a LGBTIfobia" xa que "as políticas públicas deben centrarse en previr estes delitos, protexer ás vítimas e fomentar unha cultura de respecto pola diversidade".

Con esta Declaración, o Pleno municipal ao completo expresa a súa "condena a agresión homófoba que causou o asasinato de Samuel Luíz" e o seu "rexeitamento máis firme" ante "calquera forma de violencia e odio motivada pola orientación sexual ou a identidade de xénero". A Corporación tamén quere "trasladar o apoio e a solidariedade á familia e amizades de Samuel", instar ás administracións públicas a "intensificar as acción dirixidas a erradicar a LGBTIfobia e calquera forma de discriminación e odio, mediante políticas educativas, campañas de sensibilización e o apoio ás vítimas" e reafirma a súa condena a "todas as condutas que atenten contra a dignidade e os dereitos do colectivo LGBTI" e o compromiso do Concello coa "construcción dunha sociedade inclusiva, diversa e libre de odio".

Compartir: