DEPORTES

Fállase o premio do XI Concurso de Fotografía Deportiva

08/06/2007 O xurado do XI Concurso de Fotografía Deportiva, presidido polo concelleiro de Deportes, Manuel Portas, deu a coñecer o fallo do premio. O gañador foi Iván Carlos Franco Fraga, por unha fotografía titulada "Campolongo". Ao concurso presentáronse un total de 80 fotografías, das que se aceptaron 47 e se excluíron 33 por non cumprir coas bases.

O xurado considerou para elixir o gañador, que recibirá 950 euros e un diploma, "a perfecta xeometría na composición da imaxe". Ademais, a fotografía destaca polo "respecto eficaz da regra dos terzos", salientando "os graffitis na parte superior e os reflexos dos edificios no terzo medio enfatizando o carácter urbano dun campo de fútbol solitario". A desaturación das cores e a textura que proporcionan as follas caídas son outros elementos tidos en conta.

O segundo premio, dotado con 700 euros e un diploma, recaeu en Carolina Gambín Frutos, pola obra "Corre". Di o xurado: "O alto contraste do branco e do negro realza os elementos básicos dunha clásica composición en diagonal: o paso de peóns, os bolardos, e a sombra do corredor, que apunta directamente á esquina inferior dereita. Ao interese visual da imaxe contribúen a reserva na zona dos bolardos e as sombras definidas de semáforos urbanos.

En terceiro lugar quedou Antonio Hernández Ríos, por "Manos". O xurado salientou da súa imaxe "a composición simbólica acadada co uso de só tres elementos: canastra, balón e mans". Tamén se tivo en conta "a súa coreografía perfectamente captada e a composición en diagonal, lograda entre a man que aparece na esquina inferior dereita e a canastra da esquina superior esquerda".

Tamén recibiron accésits Rita Hernández Ríos, por "Volando voy", Consuelo García Rey, por unha fotografía denominada "Competindo co mar".

Compartir: