SUSTENTABILIDADE AMBIENTAL

Un paseo nocturno Slowlight permitirá coñecer a nova iluminación da cidade, máis eficiente e sostible

24/10/2024 O vindeiro 30 de outubro o Concello de Santiago invita a cidadanía a un paseo nocturno no marco do movemento Slowlight para coñecer de primeira man os detalles da renovación das luminarias da cidade e reflexionar sobre o impacto da iluminación na paisaxe nocturna. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 29 de outubro ás 15:00 horas.

Os paseos nocturnos realizaranse en grupos de ata 40 persoas, que percorrerán as rúas e prazas da cidade histórica de Compostela, co obxectivo de descubrir os detalles que conforman a paisaxe nocturna da cidade e coñecer a nova iluminación LED instalada ao longo da cidade para mellorar a eficiencia enerxética e apostar por un sistema máis sostible.

Os paseos terán lugar o día 30 de outubro con saída do parque da Alameda ás 21:00 horas e chegada aproximada á praza do Obradoiro sobre as 22:00 horas. A actividade arrancará cun encontro previo ao paseo no Morriña Derby (rúa das Orfas, 29) a partir das 20:00 horas. Todas as persoas interesadas en asistir ao paseo, poderán inscribirse no seguinte formulario antes do 29 de outubro ás 15:00 horas.

A iniciativa desenvólvese no marco do compromiso Slowlight, ao que se adheriu o Concello de Santiago. Esta iniciativa pretende mellorar a contorna a través da luz, tanto no eido urbano como no rural, creando espazos nocturnos en harmonía, cunha iluminación intelixente e sustentable onde tanto a luz como a escuridade sexan protagonistas no deseño da paisaxe nocturna.

Direcciones relacionadas



Compartir: