PROMOCIÓN ECONÓMICA

Novos obradoiros formativos en novembro no Espazo Maker Compostela

23/10/2024 O Espazo Maker Compostela, aberto na Casa das Asociacións de Cornes, ofrecerá novos obradoiros no mes de novembro para seguir impulsando a innovación e a creatividade entre a veciñanza e apoiando á comunidade maker de Santiago. Todas as actividades, dirixidas a persoas maiores de 16 anos, son de balde.

Ao longo do mes de novembro están previstas catro actividades diferentes no Espazo Maker Compostela. Así, haberá un obradoiro de arduino o sábado 9; un taller sobre deseño e impresión 3D no venres 15; unha sesión sobre competencias dixitais básicas no sábado 23; e un obradoiro de iniciación ás redes informáticas LAN, o sábado 30 de novembro.

As persoas interesadas poden inscribirse no formularió que atoparán na web espazomaker.werobots.org, onde tamén se poden propoñer as acción formativas interesantes para desenvolver a partir do mes de novembro. O Espazo Maker Compostela abre de xeito habitual os venres de 16 a 20 horas e os sábados de 10 a 14 e de 16 a 20 horas.

O Espazo Maker Compostela empezou a funcionar en xullo na Casa das Asociacións de Cornes, nunha aposta da Concellaría de Promoción Económica por darlle continuidade a outras iniciativas exitosas como a Academia Maker que funcionara de maneira itinerante pola rede de Centros Socioculturais, ou o laboratorio dixital móbil que percorreu a cidade durante varias semanas. Estas accións estaban enmarcadas no programa de dinamización económica Faino Ti, financiado con fondos europeos da EDUSI.

O equipamento informático e tecnolóxico utilizado nesas iniciativas pasou a ser propiedade do Concello, e é o que se utiliza no Espazo Maker Permanente, que tén como obxectivo impulsar a innovación e a creatividade entre a cidadanía de Santiago, fomentando a súa participación en actividades tecnolóxicas. Estas instalacións contribúen a acadar os obxectivos establecidos na Axenda Urbana 2030 de Santiago, promovendo a innovación, a sostenibilidade e a participación cidadá. En concreto, dálle cumprimento á liña de acción relativa á diversificación económica, que sinalaba o reto da creación dun espazo maker e de que Compostela sexa a sede permanente da Maker Faire Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: