EDUCACIÓN

Entregados os premios aos gañadores do XII Concurso Literario Ánxel Casal

08/06/2007 Nun acto celebrado no Salón Nobre da Casa do Concello, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos entregaron os premios do XII Concurso Literario Ánxel Casal, nas súas modalidades de conto, de teatro e de poesía.

Na categoría de conto, recibiu o primeiro premio Aldara Novoa Justo, do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, co título "Memorias dunha servilleta". O xurado apreciou neste conto a súa boa estruturación e o feito de estar "en narrado, con bo ritmo, humor e final singular. O segundo premio correspondeu a Eduardo Rodríguez Louredo, do IES O Ribeiro de Ribadavia (Ourense), coa obra "Vítimas do odio", recoñecida polo seu ritmo narrativo, "no que conta un tema histórico que xoga co tempo e no que os sentimentos dos protagonistas están ben matizados". Tamén se lle entregou unha mención especial a Noelia Martínez Rey, do Colexio Divina Pastora-Salesianos de Lugo, polo título "Contos de busca e inquedanza".

A modalidade de poesía tivo como gañadora por segundo ano consecutivo a Alba Cid Fernández, do IES Xesús Ferro Couselo de Ourense, cunha composición titulada "Trapecista fúlxida". Na mesma o xurado recoñeceu "un universo poético propio que encandea polas súas orixinais e arriscadas metáforas". Olalla Tuñas Martínez, do IES Virxe do Mar de Noia recolleu o segundo premio pola obra "Versos invariábeis", unha colección de poemas "de gran sensibilidade que harmoniza unha voz propia cos mellores sons da poesía universal".

Andrea Porto Mato, do Colexio Manuel Peleteiro, recibiu o galardón na categoría de teatro por "Esperpentos actuais". Nesta obra destaca "o xogo escénico tanto no diálogo como nas anotacións, nas indicacións do movemento escénico, no xogo de luces, nos sons, que converten esta peza nun texto espectacular, no sentido escénico".

Na súa intervención durante o acto, Sánchez Bugallo afirmou a satisfacción que lle producía "ver como cada vez hai máis mozos e mozas que escriben no noso idioma". O alcalde en funcións tamén tivo palabras de lembranza cara Ánxel Casal, na súa condición de alcalde de Santiago e, sobre todo, de editor na súa época.

Pola súa parte, Elvira Cienfuegos, tamén loubou a figura de Ánxel Casal, quen dixo "segue vivo na nosa memoria". Respecto ao Concurso, apuntou que continúa a ser un reflexo de como "novos talentos se abren camiño" e de que en Galicia se mantén "a fonte viva de novos creadores".

Compartir: