CENTROS SOCIOCULTURAIS

Volven as Xornadas Micolóxicas ao CSC de Conxo

16/10/2024 O Concello de Santiago e a asociación Micolóxico-Naturalista Pan de Raposo colaboran, un outono máis, na celebración das Xornadas Micolóxicas de Conxo. O concelleiro Xan Duro e o experto en micoloxía, José María Costa Lago, presentaron hoxe as actividades, que se desenvolverán os próximos días 18 e 19 de outubro.

Xan Duro puxo en valor esta iniciativa "xurdida hai máis de 15 anos polo traballo de afeccionados micólogos próximos ao barrio de Conxo, e que desde a Concellaría de Centros Socioculturais apoiamos e institucionalizamos atendendo ao crecente interese polo mundo dos fungos".

As Xornadas Micolóxicas de Conxo comenzarán o venres 18, coa apertura da exposición micolóxica no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre. Nela poderánse observar entre 50 e 60 especies, "mostrando as súas peculiaridades, e as claves para diferenciar as especies comestibles das tóxicas". Será a partir das 18.00 horas. Ás 20.15, terá lugar unha charla de presentación sobre a Nova Guía de Cogomelos de Galicia, a cargo do presidente da Asociación Pan de Raposo, José Manuel Castro Marcote. A publicación dá conta de máis de 700 especies de cogomelos, atopados e fotografados pola asociación, e inclúe un diccionario de termos científicos e unha guía de receitas.

Xa no sábado 19, está prevista a ruta micolóxica á Selva Negra e a Granxa do Xesto, con saída desde o Centro Sociocultural Aurelio Aguirre. Como é habitual, será necesaria inscrición previa, chamando ao teléfono 981 528740.

Xa pola tarde, haberá tamén unha visita guiada á exposición de cogomelos silvestres no Centro Sociocultural Aurelia Aguirre, con José María Costa Lago, que tamén impartirá unha charla sobre cogomelos de interese etnomicolóxico.

Documentos relacionados



Compartir: