CAPITAL CULTURAL

O humor líquido de Xaquín Marín desbordará as paredes do Auditorio de Galicia

11/10/2024 A sala de exposicións Isaac Díaz Pardo acollerá do 18 de outubro até o 6 de xaneiro unha mostra que percorre e homenaxea a traxectoria do humorista gráfico e pintor Xaquín Marín. Comisariada por Xandre Marín e desenvolvida por Galiza Cultura, a exposición fía arredor de 150 pezas de diferentes disciplinas que dan conta do humor como un dos elementos distintivos do ser galego.

A exposición Xaquín Marín, humor líquido galego recalará na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia o próximo 18 de outubro para amosar unha coidada selección de pezas que abranguen os máis de sesenta anos de profesión do humorista gráfico, pintor, muralista, caricaturista e artista nado en Fene en 1943.

Comisariada por Xandre Marín, esta mostra na que a federación de asociacións Galiza Cultura —conformada por máis dunha trintena de colectivos culturais—, vén traballando desde 2022, escolma unhas 150 viñetas, debuxos e cadros e traza un percorrido profesional e vital que nos traslada directamente á historia colectiva recente do país amosando o compromiso inequívoco do creador co pobo galego ao longo destas décadas.

Este percorrido polo universo creativo do prolífico autor, o humorista gráfico en activo de maior constancia nos últimos 50 anos, fará que o público se reencontre con personaxes e motivos esenciais na súa obra como Gaspariño, os pés, Isolino, o cacique don Augusto, Lixandre, Tonecho, Caitano ou os xinetes, tan característicos e definitorios e que durante toda a súa carreira tiveron gran protagonismo no labor descritivo das problemáticas sociais.

Xaquín Marín non esquiva a denuncia e as realidades sociais amosando a través dos seus traballos a situación da lingua, a reconversión naval, a explotación laboral, as loitas ecolóxicas, ou o caciquismo, retratadas desde a retranca, o humor e a ironía. A mostra, homenaxe á carreira do artista, estrutúrase en bloques temáticos (pintura, banda deseñada, personaxes, viñetas, cartelería, humor gráfico e arte) que permitirán ás persoas visitantes visitar polo miúdo a fecunda carreira deste imprescindible autor.

Humor líquido galego comezou a súa andaina na Fundación Luis Seoane da Coruña viaxando logo ao Vello Cárcere de Lugo. Tras a inauguración en Compostela, programada o venres 18 de xaneiro ás 20.00 horas, a exposición poderá ser visitada até o 6 de xaneiro no Auditorio, de luns a domingo en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. O acceso é de balde sen necesidade de reserva.

Compartir: