DEPORTES

Compostela vivirá unha nova edición do Día do Deporte

06/06/2007 Compostela prepárase para vivir un ano máis o Día do Deporte, co que se pechan as campañas e programas desenvolvido no curso escolar. A Concellaría de Deportes, en colaboración con varios clubs, organiza esta xornada, chea de actividades de balde nas máis diversas disciplinas deportivas. A cita é o sábado 9 de xuño.

A maior parte das actividades desenvolverase no multiusos Fontes do Sar. Alí, en xornada de mañá, terá lugar unha nova edición da campaña de minibásquet "Memorial Lorenzo de la Torre". Xa pola tarde, celebraranse as finais de copa de fútbol sala, partidas simultáneas de xadrez e un torneo de chave.

Durante todo o día haberá probas dunha ximcana ciclista. É unha actividade aberta á participación de nenos e adultos. O reto consistirá en realizar un circuíto de habilidade no menor tempo posible. A organización poñerá á disposición dos asistentes bicicletas para poder participar. Entre todos os participantes sortearase unha bicicleta.

Tamén se habilitará unha área recreativa de golf e hockei, con actividades de precisión para toda a familia. As actividades en Sar complétanse coa exposición do XI Concurso de Fotografía e cunha pista de scalextric xigante. Cómpre lembrar tamén que durante todo o día a entrada á zona dos ximnasios será de balde, ao igual que á piscina ao aire libre. Nesta, 11:00 a 20:00 horas, programáronse distintos xogos para os cativos.

Outro grupo de actividades terá lugar no pavillón do Restollal, onde se celebrará o VII Trofeo de karate "Cidade de Santiago", en horario de 10:00 a 14:00 horas. Trátase dunha competición federada nas modalidades de Kata individual e Kumite individual.

Finalmente, na piscina de Santa Isabel celebrarase o II Encontro escolar de waterpolo, de 10:00 a 13:30 horas. É unha actividade aberta á participación de nenos e nenas de idades entre os 8 e os 15 anos. Formaranse equipos mixtos para celebrar partidos ao ancho da piscina. O único requisito imprescindible é saber nadar e que os pais ou titores do neno asinen unha autorización.

Documentos relacionados



Compartir: