PROMOCIÓN ECONÓMICA

Máis de 800 locais comerciais e hoteleiros recibiron a visita do persoal da Campaña de sensibilización para a formación

05/06/2007 O persoal da Campaña de sensibilización para a formación, destinada a comerciantes e hostaleiros, e posta en marcha pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio no marco do Plan de Excelencia comercial, visitou xa 860 estabelecementos dos 2.500 previstos, o 34,4%.

De entre os locais consultados, 500 (o 58,1%) respostaron á enquisa sobre cursos e actividades formativas nas que estarían interesados. A campaña, que comenzou o 28 de maio e dura catro semanas, ten un dobre obxectivo: informar a comerciantes e hostaleiros sobre o Plan de Excelencia comercial e detectar as necesidades de formación e carencias do sector.

Para esta campaña contratáronse catro enquisadores, tres homes e unha muller. Uniformados con camisetas e cazadoras cos logotipos do Concello de Santiago e da Concellaría de Promoción Económica e Comercio visitan os distintos establecementos da cidade, dividida en catro zonas. A primeira delas comprende a Zona Monumental, Galeras, Casas Novas, Campus Norte, San Lorenzo, Vite e Vista Alegre. Nesta área visitáronse 280 establecementos e cubríronse 210 enquisas. Na segunda, integrada por As Cancelas, Mallou, Outeiro, Concheiros, Salgueiriños, San Lázaro e Amio, visitáronse 120 locais comerciais e hostaleiros e cubríronse 100 enquisas. A terceira zona está formada por A Almáciga, San Caetano, Belvís, a Trisca, Pontepedriña, O Castiñeiriño, Sar e Lamas de Abade. Visitáronse 110 establecementos e cubríronse 40 fichas. Por último está o Ensanche, Alameda, Campus Sur, Conxo, Choupana, Paxonal e Santa Marta, onde se visitaron 350 comercios e se cubriron 150 enquisas.

Na enquisa, o persoal da Campaña de sensibilización para a formación pregunta ao dono ou xerente do negocio sobre os cursos e as actividades formativas que prefire. Ademáis, contesta ás dúbidas que poidan xurdir e infórmaos sobre as accións de promoción e dinamización comercial e as liñas de actuación do Plan de Excelencia Comercial ás que poden recurrir para dinamizar e modernizar o seu negocio, coordinadas a través do Servizo de Asesoramente ao Comercio.

Compartir: