XUVENTUDE

Volven as "Noites Alternas"cunha trintena de actividades para darlle á mocidade alternativas de ocio nocturno saúdable

24/09/2024 O próximo xoves arrinca "Noites Alternas", o programa de lecer nocturno alternativo que impulsa a Concellaría de Mocidade en colaboración coa Asociación Cultural e Xuvenil Itaca. Ata finais de novembro, os mozos e mozas de entre 16 e 35 anos poderán participar nunha trintena de actividades diferentes, con propostas para todos os gustos. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, deu conta hoxe da programación, "que volve apostar por fomentar a creatividade, e sobre todo por dinámicas participativas e por xerar comunidade entre os mozos e mozas de Santiago".

"Noites Alternas" é un amplo programa de actividades de balde, que se desenvolverán en xoves e venres alternos, desde esta mesma semana e ata o 22 de novembro. A oferta é moi variada: obradoiros de cociña ou de música, talleres relacionados con diferentes disciplinas artísticas, roteiros pola cidade, xogos de rúa, xogos de mesa… As actividades serán na sede da Asociación Cultural e Xuvenil Itaca, no local das Brañas de Andrés, o Centro Xove da Almáciga, nas instalacións de Circonove nas Cancelas, ou na sede da Asociación Break Inclán, na rúa Nova de abaixo. As inscricións para participar deben facerse desde o luns da semana na que se vai desenvolver a actividade, a través do formulario que se pode atopar na web de Itaca.

O programa comezará esta semana, con obradoiros de elaboración de Kombucha, percusión africana e iniciación ao Break Dance o xoves; e cun roteiro guiado por Clara Torrens e Borja Etxebarría e con obradoiros de cociña, percusión e serígrafía, no venres. Nas próximas semanas, haberá obradoiros de cociña, música, creación de contidos dixitais, ou artesanía. Tamén están previstos roteiros pola cidade, xogos de rúa, ou actividades relacionadas cos xogos de mesa.

Programación participada

Na rolda de prensa, as representantes da asociación Itaca, Chus Caramés e Sara Vieites, explicaron que a programación do ciclo "Noites Alternas" é o resultado "dun proceso participado no que é a propia mocidade a que mostra cales son as actividades do seu interese". Nesta ocasión, recolléronse case un cento de propostas de 50 colectivos distintos. Tamén salientaron que as actividades "beben do talento mozo, e atenden aos valores de Itaca, relacionados co feminismo ou o ecoloxismo".

María Rozas aproveitou a rolda de prensa para poñer en valor o traballo de Itaca, "que leva máis de trinta anos impulsando actividades que promoven un estilo de vida saúdable e un espírito crítico entre a mocidade e sendo un referente para moitos mozos e mozas de Compostela".

Toda a información sobre as Noites Alternas e as actividades programadas pódense consultar web de Itaca.

Direcciones relacionadas



Compartir: