DEPORTES

Santiago reunirá aos mellores ciclistas galegos Sub 23 e Sub 21

05/06/2007 Santiago e a súa comarca acollerán o domingo 10 o Campionato de Galicia de Contrarreloxo Individual das categorías Elite, Sub 23 e Sub 21, unha proba organizada pola Federación Galega de Ciclismo e patrocinada pola Fundación Compostela Deporte.

Participarán 70 ciclistas galegos procedentes de seis equipos galegos e doutros equipos españois. Salgueiriños será o punto de partida, as 11:30 horas, dun percorrido de 29 quilómetros que rematará na Avenida Xoán XXIII.

O Presidente da Federación Galega de Ciclismo, Sabino Cortizo, agradeceu ao Concello de Santiago e, en particular, á Fundación Compostela Deporte, "o tremendo esforzo que están a facer este ano polo ciclismo en Santiago". Cortizo lembrou que á celebración deste campionato se engaden a recuperación –tras dezaseis anos– da Volta Ciclista da Ascensión no mes de maio e que unha das etapas da vindeira Vuelta a España rematará na capital galega.

O Vicepresidente da Fundación Compostela Deporte e Concelleiro de Deportes de Santiago, Manuel Portas, expresou o seu desexo de que o circuíto "responda ás expectativas daquelas persoas que o idearon e, por parte da Fundación Compostela Deporte e do propio Concello de Santiago, é un pracer que a Federación teña escollido este circuíto compostelán para esta proba".

Participación internacional na Compostela Cup

A Fase Final da Compostela Cup do Camiño 2007, que se celebrará en Santiago entre o 25 de xuño e o 8 de xullo, servirá para que os equipos alemáns Werder Bremen e Hannover 96, e o sueco IFK Gotteborg, inicien a súa andaina de cara á vindeira temporada deportiva oficial. Os responsables destes equipos traerán a Santiago as formacións que competirán nas categorías Sub 19.

Os adestradores do Werder Bremen, Hannover 96 e IFK Gotteborg participarán no clinic de adestradores de fútbol que se celebrará na segunda semana da Fase Final da Compostela Cup do Camiño. O clinic é unha das actividades paralelas á competición deportiva e contará coa participación dos técnicos dos clubs participantes, entre os que tamén estarán: Celta, Deportivo, Braga, Conxo, Cidade de Santiago, Calasanz, Santa Mariña, Huelva Atlético, Rayo Vallecano ou o Burgos.

A Fase Final da Compostela Cup do Camiño 2007 suporá a reunión de milleiros de deportistas galegos, españois e estranxeiros, que ata o 8 de xullo compartirán xogos, experiencias e culturas. A competición abrangue as modalidades deportivas de: fútbol sala; fútbol; baloncesto e balonmán. Ademais, os deportes maioritarios convivirán con exhibicións doutras disciplinas deportivas como karate, tenis de mesa, taekwondo ou xadrez, entre outras.

Compartir: