URBANISMO

A urbanización do polígono 4 de Fontiñas incluirá un lago artificial

05/06/2007 A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, presentou o proxecto de urbanización do polígono 4 de Fontiñas. Neste espazo construiranse unhas 250 vivendas libres a carón da rúa Berlín e do Centro Sociocultural de Fontiñas.

Recentemente inaugurado o polígono 6-7, en breve iniciarase a construción do polígono 4, comezando pola súa urbanización. Entre outras dotacións, construirase unha praza e un lago artificial. Tal como explicou Rosón, a auga é un dos eixos sobre o que xirará esta actuación, de acordo ás propias características das Fontiñas. Unha corrente fluvial atravesará o polígono para dar ao devandito lago.

En canto á dotación, destaca a ampla reserva para zonas verdes, 17.539 metros cadrados. Tamén se delimitan espazos para equipamentos deportivos, docentes, sanitarios, socioculturais e institucionais. Para viairo público resérvanse 6.585 metros cadrados, capítulo no que destaca a nova rúa que conectará a rúa Berlín con Concheiros. O total habilitado para estes equipamentos é de 35.277 metros cadrados.

Destaca tamén a intervención no núcleo de Cotaredo, onde se realizarán labores de conservación e de rehabilitación deste espazo, rodeado de carballos e outras especies autóctonas. En todo o ámbito do polígono respectarase o arborado existente e proxéctanse construcións coma un parque de xogos, un pequeno quiosco, bancos, fontes ou un contedor de lixo subterráneo.

A superficie total do ámbito de actuación é de 44.498 metros cadrados. O orzamento de contrata será de 2.727.728 euros. O prazo de execución, unha vez iniciados os traballos, é de oito meses.

No polígono 4 de Fontiñas construiranse unhas 250 vivendas libres, xa que se trata dun solo compensado no seu momento co polígono 1.

Compartir: