DEPORTES

O Beirasar Rosalía segue a recibir parabéns polos seus éxitos

05/06/2007 Despois de recibir xa o recoñecemento da cidade polo ascenso á LEB, o Beirasar Rosalía volveu ao Concello para brindar esta vez o campionato na LEB 2. O conxunto compostelán obtivo o título o venres 1 de xuño en La Laguna (Tenerife), ao derrotar ao equipo local no partido único que decidía o gañador da competición.

Ese encontro pechou da mellor maneira unha temporada brillante. Así o recoñeceu o alcalde en funcións, quen agradeceu "a ilusión, o traballo e a enerxía deses anos e que culmina aquí". Amosouse "orgulloso da colaboración no Concello neste proxecto" e destacou "o esforzo da directiva e dos patrocinadores".

Tamén dedicou os seus parabéns ao Beirasar Rosalía o concelleiro de Deportes en funcións, Manuel Portas, quen recordou que o ascenso deste equipo era o maior éxito do baloncesto compostelán dende os tempos do Obradoiro.

Finalmente, o presidente do club colexial, Ubaldo Rueda, agradeceu tamén o apoio municipal e empresarial "que nos permitiu chegar ata aquí". Afirmou estar "asustado" ante o reto que supón a LEB, pero confiado en que o apoio de institucións, empresas e cidade permitan continuar o proxecto na nova categoría.

Compartir: