DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS

Récord de axudas concedidas na convocatoria de bolsas de comedor, material e actividades extraescolares

14/09/2024 A convocatoria das bolsas de comedor escolar, adquisición de material escolar e actividades extraescolares pechouse con 1.997 axudas concedidas. É a cifra máis alta da historia desta convocatoria, que chegou ao 30% dos nenos e nenas menores de 12 anos empadroados en Santiago.

A concellaría de Dereitos e Servizos Sociais aprobou a semana pasada a resolución definitiva da convocatoria, á que se destinou un orzamento de 1,1 millóns de euros, un 40% máis que no curso anterior. María Rozas reiterou a súa satisfacción por "ter situado a Santiago como a cidade galega que destina máis fondos por habitante a estas axudas, demostrando a nosa clara aposta pola igualdade de oportunidades". Tamén salientou o esforzo do Concello, "tendo en conta que pasamos de destinar 70.000 euros ás bolsas de comedor, a única modalidade existente, no curso 2013-2014, a 1,1 millón de euros neste curso". Ademais, a concelleira recordou que "nesta convocatoria introducimos moitas novidades, tamén en canto aos criterios de renda, para facilitar que as axudas chegaran a máis familias".
Sen lista de agarda en ningunha modalidade

A resolución definitiva da convocatoria das bolsas de comedor escolar, adquisición de material escolar e actividades extraescolares sinala un importante incremento das axudas concedidas en todas as modalidades. O maior aumento, dun 93 %, prodúcese nas bolsas de comedor escolar por razóns de conciliación, que pasan das 160 do curso pasado a 309. As axudas para a adquisición escolar medran un 67,6%, pasando de 167 a 280; e as bolsas para actividades extraescolares chegan a 600, cun aumento do 23% con respecto ás 487 concedidas no curso pasado.A modalidade con máis bolsas concedidas é a de comedor escolar por escaseza de recursos, que pasan de 637 a 808, o que supón un aumento do 26,8%.

En total, foron concedidas 1.997 axudas, o que supón un incremento do 37,6% con respecto ás axudas concedidas no curso pasado. Por primeira vez na historia da convocatoria, non quedou ningunha crianza en lista de agarda en ningunha das modalidades das bolsas.

Contías
En canto ás contías das diferentes modalidades, na convocatoria deste ano houbo tamén algunhas novidades. A principal refírese ás bolsas para a adquisición de material escolar, que quedaron fixadas nun máximo de 100 euros, fronte aos 60 de anteriores convocatorias. En canto ás bolsas para actividades extraescolares, serán de 15 euros mensuais no caso de actividades de 1 hora ou un día á semana, e ata 30 euros mensuais para o caso de actividades dende 2 horas ou 2 días á semana.

En canto ás bolsas de comedor, na modalidade de conciliación o importe establecido mantívose en 45 euros mensuais, mentres que na modalidade de escaseza de recursos, a contía mantívose en 90 euros mensuais, pero como novidade incorporouse a posibilidade de conceder axudas de ata 180 euros mensuais no caso dos centros escolares de educación especial. Ademais, no caso destes centros as axudas tamén se poderán solicitar para Secundaria.

Compartir: