PROMOCIÓN ECONÓMICA

Compostela acolle a Creafogar, o primeiro evento efémero de interiorismo con marcas galegas

10/09/2024 As interioristas DenaDinteriores e Spacio-B, Almudena Rodríguez e Beatriz Barril, adscritas a Artesanía de Galicia, presentaron esta mañá Creafogar, un espazo efémero e innovador de deseño e interiorismo que reunirá a destacados profesionais, fabricantes e artesáns galegos. A concelleira de Promoción Económica, María Rozas, tamén participou na presentación deste evento que conta co apoio e colaboración do Concello de Santiago.

A cidade de Santiago será o escenario de Creafogar, un evento innovador no que participan máis de 150 marcas galegas. A presentación oficial tivo lugar nunha rolda de prensa organizada polas interioristas Almudena Rodríguez, DenaDinteriores, e Beatriz Barril, Spacio-B. A casa de Creafogar, na Rúa Nova 24, abrirá as súas portas o 20 de setembro, cunha duración de 20 días, e reunindo a destacados profesionais do deseño, a artesanía e a construción de Galicia nun espazo único, impulsado polo Concello de Santiago, Xunta de Galicia, Galicia Calidade, Artesanía de Galicia, Axenda Urbana 2030, Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Woman Emprende.

Na presentación participaron María Rozas, concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude; Santiago Boquete, subdirector xeral de Servizo Público de Emprego de Galicia da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e Eva López Barrio, xerente do programa "Woman Emprende" da USC.

Na súa intervención, María Rozas salientou que desde o Goberno municipal "compartimos filosofía e obxectivos con Crea Fogar" e "reivindicamos a recuperación do noso patrimonio arquitectónico, a rehabilitación de inmobles en desuso para seren vividos". O Concello de Santiago colabora, entre outras cuestións, na organización de tres mesas de debate: o reto da vivenda, os oficios tradicionais, e o mercado de barrio.

Na rolda de prensa, comunicouse o contexto no que nace Creafogar, un punto de encontro para todos aqueles interesados no deseño, a artesanía e a cultura galega, marcando un antes e un despois no panorama do interiorismo en Galicia. Santiago Boquete, subdirector xeral de Servizo Público de Emprego de Galicia destacou a importancia de impulsar e participar en eventos de esta índole: "dende a Xunta de Galicia apoiamos dende o inicio a iniciativa de Creafogar pola súa relevancia e a posta en valor que se fai da formación sectorial, os oficios tradicionais e artesania en clave galega".

As promotoras

Almudena Rodríguez da firma DenaDinteriores e Beatriz Barril da firma Spacio-B poñen en marcha a I Edición de Creafogar. Dúas interioristas acreditadas polo selo Artesanía de Galicia que, con máis de 20 anos de experiencia no sector, deseñarán "en clave galega" o interiorismo de toda a vivenda, ademais de coordinar ós diferentes creadores e gremios da construción participantes no evento.

Direcciones relacionadas



Compartir: