EIXO ATLÁNTICO

Sánchez Bugallo, novo presidente do Eixo Atlántico

30/05/2005 O Alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, relevará ao Presidente da Cámara de Porto, Rui Rio, na presidencia do Eixo Atlántico, segundo o acordo adoptado pola Comisión executiva deste órgano que agrupa a 18 cidades de Galicia o do Norte de Portugal.

Sánchez Bugallo, actual vicepresidente do Eixo Atlántico será relevado neste cargo polo Presidente da Cámara Municipal de Guimâraes, Antonio Magalhaes. Conforme aos Estatutos do Eixo Sánchez Bugallo será o presidente desta entidade durante os dous próximos anos.

O acordo foi adoptado na Comisión Executiva celebrado no Pazo de Raxoi o luns 30 de maio. Nesta xuntanza abordouse tamén o desenvolvemento dos traballos de análise da estrutura aeroporturia no ámbito xeográfico do Eixo.

Sánchez Bugallo expresou o seu agradecemento ao presidente cesante, Rui Rio, e manifestou a súa intención de seguir traballando na misma liña mantida ata agora, de cara a incrementar os vínculos entre as cidades membros do Eixo para "mellorar a integración de Galicia co Norte do Portugal, incrementar o nivel e calidade da prestación de servizos aos nosos cidadáns e conseguir infraestruturas, dotacións e equipamentos", en consoancia coas esixencias dos cidadáns.

O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular constitúe unha asociación transfronteriza integrada polas dezaoito principais cidades que configuran o sistema urbano da eurorexión Norte de Portugal-Galicia. Esta asociación determina un espazo rexional interestatal cunha filosofía que segue as orientacións da Unión Europea, fundamentalmente no que se refire á desaparición das fronteiras que afectan ou dificultan a libre circulación de persoas, capitais, mercadurías e servizos.

Este espazo rexional integra as seguintes cidades: A Coruña, Lugo, Ferrol, Ourense, Santiago, Pontevedra, Vigo, Porto, Braga, Bragança, Chaves, Viana do Castelo, Vila Real, Vilagarcía de Arousa, Monforte de Lemos, Guimarâes, Peso da Régua e Vila Nova de Gaia. Estas cidades pretenden ser os auténticos motores do desenvolvemento do espazo rexional en que se insiren, e caracterízanse por teren similares realidades socioeconómicas e culturais.

Compartir: