CENTROS SOCIOCULTURAIS

A VI Semana Cultural de Fontiñas invita a xogar cos sentidos

04/06/2007 A concelleira en funcións de Centros Socioculturais, Guadalupe Rodríguez, presentou a VI Semana Cultural do centro de Fontiñas. Baixo o lema "Con todos os sentidos", este espazo ten preparado un amplo programa de actividades para todos do martes 5 ao sábado 9 de xuño.

A oferta de lecer inclúe exposicións, teatro, música, obradoiros, xogos de mesa, catas e visitas. Toda unha invitación a experimentar cos sentidos. A semana pecharase o sábado 9 de xuño cunha romaría que servirá para festexar o fin do programa "A historia vai por barrios".

Os que se acheguen ao Centro Sociocultural poderán contemplar a exposición "Fontiñas. con todos os sentidos", con traballos do seis talleres de pintura do propio centro, ou o graffiti "Sensacións ao límite", realizado especialmente para a ocasión.

No eido teatral, Ciencia Divertida presenta a obra "Náufrago. Unha experiencia máis aló do risible", dirixida a alumnado de 5º e 6º de primaria. Asistirán os colexios de primaria e infantil de Fontiñas, Monte dos Postes, Vilas-Alborada e Juventud. Tamén haberá sesión teatrais a cargo da Asociación Bipolares, coa obra "A balada de Arfael", e dos rapaces do taller de teatro do Centro, coa peza "A Reunión".

A música virá da man da Coral Castrosúa, do grupo de Habaneras Peña Rodaballo e das asociacións culturais musicais Solfa e Alfaia. Ademais, o venres 8 haberá un baile con orquestra, neste caso co Dúo Master.

O aspecto lúdico completarase cun campionato de xogos de mesa, e o formativo con obradoiros sobre corpo humano e saúde, ilusións ópticas, pintura, ciencia e batidos e xeados. Realizaranse visitas guiadas ao Castelo da Rocha e á exposición de Tamara Lempicka organizada pola Fundación Caixa Galicia na Casa das Artes de Vigo.

A experimentación cos sentidos terá unha das súas máximas expresións nas catas de queixos e de mel que se celebrarán o xoves 7 de xuño. O programa da semana cultural inclúe tamén cine, contacontos e unha observación astronómica dende o miradoiro do parque de Área Central.

Documentos relacionados



Compartir: