ALCALDÍA

Goretti Sanmartín avanza os retos do Concello de Santiago para este curso baixo a premisa "Compostela, orgullosa de si"

30/08/2024 A rexedora anuncia a convocatoria este outono dun Pleno extraordinario sobre o estado do municipio para continuar traballando na transparencia.

Goretti Sanmartín anunciou os tres retos do Concello de Santiago na rolda de prensa de inicio de curso que se desenvolveu hoxe no Pazo de Raxoi. Baixo a premisa "Compostela, orgullosa de si", a alcaldesa de Santiago recalcou que o obxectivo do Goberno é "seguir coidando o que temos, melloralo no posible e asentando o futuro en bases sólidas para garantir a sustentabilidade e a equidade social".

Na rolda, a alcaldesa destacou que os tres retos marcados "non son só un desexo de futuro, reflicten o noso compromiso político". Os retos escollidos abordan diversas materias. No primeiro, "unha mellor Compostela onde vivir", seguiranse afrontando temas relativos ao acceso á vivenda, á mobilidade, á sustentabilidade, ao mantemento e mellora de equipamentos e ao espazo público. No segundo, "continuar xerando oportunidades para o desenvolvemento económico", seguirase a incidir na creación dun nodo loxístico, na garantía da sustentabilidade dos servizos, no apoio a un tecido económico existente e ao emprendemento, e nos soportes ao ecosistema cultural e científico. No terceiro, "que a veciñanza sexa o centro das políticas municipais", continuarase traballando na cobertura e calidade dos servizos, na convivencia, actividades, igualdade, memoria, diversidade, patrimonio cultural e na mellora da Administración.

Sanmartín aclarou que debaixo de cada reto hai "proxectos concretos que se están desenvolvendo e que se van desenvolver". Entre eles, mencionou a creación dunha empresa pública de vivenda, o estudo para a declaración dunha zona de mercado tensionado, o proxecto integral de reforma do Estadio de San Lázaro ou a intervención do Campo de Fútbol das Cancelas, entre outras.

Para acadar o obxectivo proposto, a alcaldesa solicitou o diálogo e a colaboración das demais administracións. Sanmartín incidiu en que a "vontade e o empeño" do Goberno municipal é "máis que clara" e que esperan poder seguir atopando apoio para avanzar nos proxectos estratéxicos.

Finalmente, a rexedora asegurou que ningún reto será realizable "sen unha cidadanía informada e participando activamente, un obxectivo co que este goberno está plenamente comprometido". Nesta liña, Sanmartín lembrou a posta en marcha dos consellos de participación cidadá e anunciou a convocatoria este outono dun Pleno extraordinario sobre o estado do municipio para continuar traballando na transparencia.

Compartir: