PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica oferta cursos de carpintería, xardinería, fontanería, enerxías renovables e cantería

01/06/2007 A Concellaría de Promoción Económica e Emprego levará a cabo os días 4, 5, 6 7 e 8 de xuño un novo proceso de selección de alumnos de carpintería, xardinería, fontanería, enerxías renovables e cantería.

Estas actividades formativas, incluídas no Plan FIP (Formación e Inserción Profesional), están destinadas a persoas desempregadas. Os interesados poden informarse nas instalacións da Concellaría na porta 9 do Multiusos de San Lázaro (Avda. Fernando Casa Novoa, 20) en horario de nove da mañá a dúas da tarde; ou no teléfono 981 542 493. A formación é de balde e impartirase no Centro de Formación Ocupacional Sanxuás de Aríns.

O curso de carpintería contempla dous módulos transversais, Formación para a igualdade e Habilidades comunicativas en galego para o mundo laboral, e outros dous módulos da propia actividade formativa. Son Mecanizar pezas de madeira e taboleiros e Realizar montaxe en taller de elementos de carpintería. En total serán 540 horas lectivas. O curso pasado insertouse laboralmente o 60% dos alumnos que realizaron o curso.

No caso da cantería, o curso tamén contempla dous módulos transversais, Formación para a igualdade e Curso básico de prevención de riscos laborais, do que se expedirá un certificado, e outros catro módulos da propia actividade formativa. Son Labrado de pedras de sillería con molduras, Labrado de columnas de sección circular, Enlousado de cantería e Asentado de pedras de sillería. En total serán 705 horas lectivas. Case o 70% dos alumnos que remataron o curso o ano pasado accedeu ao mercado laboral.

O curso de fontanería conta con 785 horas lectivas, 730 do propio curso e as outras 55 que corresponden aos módulos transversais de Formación para a igualdade e Curso básico de prevención de riscos laborais. A formación recibida serve para obter o Carné profesional de instalador de fontanería. Sete dos quince alumnos que o ano pasado realizaron o curso obtiveron este certificado despois de aprobar o exame correspondente.

En canto aos cursos de instalador de sistemas de enerxía solar térmica e xardinería, impártense completos. O primeiro conta con con 355 horas lectivas e o segundo con 555.

Os alumnos que asistan aos cursos do Plan FIP, pero que non logren insertarse laboralmente, seguirán recibindo o apoio da Concellaría. Poderán acollerse aos Itinerarios Personalizados de Inserción Laboral, a través dos que recibirán a orientación e a axuda precisa de titores especializados sobre cómo acceder ao mercado laboral.

Compartir: