MOBILIDADE

Raxoi trasládalle ao colectivo de taxis do Pino que a planificación do transporte e da mobilidade ten que enmarcarse nun plan supramunicipal

20/08/2024 A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, mantiveron unha xuntanza con representantes do colectivo de taxis do Pino para recoller as súas demandas a respecto de prestar servizo no aeroporto compostelán

No transcurso da xuntanza, a alcaldesa e o concelleiro de Mobilidade, explicaron que as demandas dos taxistas do Pino deben ser estudadas no marco dun plan supramunicipal que inclúa todas as necesidades de transporte e mobilidade dos concellos limítrofes con Santiago, como por exemplo as dos concellos de Teo e de Ames.

O obxectivo principal da reunión era a solicitude do colectivo de taxistas do Pino de poder prestar servizo no aeroporto compostelán, unha demanda que o goberno municipal ve necesario incluír nunha reflexión máis ampla xeograficamente, dando cabida a outras demandas de mobilidade procedentes de toda a área metropolitana e que, ademais, deben contar co impulso da Administración autonómica.

Goretti Sanmartín e Xan Duro lembráronlle aos taxistas do Pino que neste momento o Concello de Santiago de Compostela está pendente de que a Xunta de Galicia emita o informe relativo á solicitude da ampliación dun 20% máis de licenzas de taxi para atender as necesidades da cidade e do termo municipal. Cabe lembrar que nesta solicitude tamén se incluía a petición de que a Xunta promova a modificación lexislativa que permita as licenzas temporais, para atender as necesidades puntuais en tempadas de grande afluencia de visitantes.

Compartir: