DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS

A campaña "12 comercios, 12 sensibilidades" dedica o mes de agosto a divulgar o traballo do Refuxio de Bando

08/08/2024 A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, e o edil de Sustentabilidade Ambiental e Dereitos dos Animais, Xesús Domínguez, visitaron esta mañá o establecemento "Maravalla", protagonista este mes da campaña "12 comercios, 12 sensibilidades". A tenda de cosméticos está a dedicar agosto a promocionar o labor do Refuxio de Animais de Bando.

A campaña "12 comercios, 12 sensibilidades" foi impulsada por un grupo de mulleres comerciantes da cidade, en colaboración coa concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, co obxectivo de tecer rede e darlle visibilidade a diferentes entidades solidarias que traballan en Santiago. No marco desta iniciativa, cada mes é un establecemento o que difunde unha causa social ou solidaria, coa colaboración sempre das outras tendas participantes.

A concelleira María Rozas reiterou a súa satisfacción pola marcha "dunha campaña que nos volve demostrar que temos un tecido comercial do que sentirnos moi orgullosas, non só pola súa calidade senón tamén pola súa vocación de facer cidade, ademais colaborando con causas sociais e de cooperación". A tenenta de alcaldesa salientou que "iniciativas coma esta permiten difundir o traballo das entidades sociais entre un público novo e moi heteroxéneo, ao tempo que tamén facilitan as sinerxias entre os diferentes establecementos comerciais".

Apoio ao Refuxio de Bando

En agosto, a campaña "12 comercios, 12 sensibilidades" chega a "Maravalla", unha tenda especializada en cosmética natural situada na rúa das Orfas. A súa propietaria, Ana Porto, decidiu colaborar co Refuxio de Bando "divulgando o seu labor, promovendo a adopción responsable, e actuando como punto de recollida de comida de animais para doar ás instalacións". O concelleiro de Benestar Animal, Xesús Domínguez, agradeceu a colaboración e aproveitou a visita para facer unha chamada "á tenza responsable de animais e á adopción de cans e gatos do Refuxio antes de pensar na compra". No mesmo sentido se expresou a directora das instalacións de Bando, Olalla García, que explicou que "no Refuxio hai moitos animais que están buscando un fogar, pero hai outros xeitos de colaborar coas instalacións ben sexan as doazóns económicas ou de comida, ou as adopcións temporais".

Compartir: